A mellora da seguridade viaria na PO-308 entre Fontenla e Combarro xa é definitiva

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixa como obxectivo levantar actas previas e licitar as obras no segundo semestre do ano ►O proxecto, xunto coa senda, supera os 1,65 millóns de euros
Un dos tramos sobre os que se actuará. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Un dos tramos sobre os que se actuará. DAVID FREIRE (ADP)
A aprobación do proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-308 entre Fontenla e Combarro chegou onte ao Diario Oficial de Galicia (DOG). A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade oficializa así unha actuación moi demandada no municipio, na que é a contorna dun dos maiores tramos de concentración de accidentes, e que conta cun investimento autonómico que supera os 676.000 euros, nos cales se inclúe o aboamento dos 30 predios necesarios para executar as obras. Outros 975.000 euros destinaranse a executar a senda, dous proxectos que, xuntos, superan os 1,65 millóns.

Tal e como informaron dende a Consellería, o obxectivo é proceder ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos, que se desenvolverán de xeito coordinado, contan en ambas actuacións cun prazo de execución de 18 meses.

O proxecto de mellora da seguridade desenvolverase entre os puntos quilométricos 3+500 e 5+100, cunha actuación que inclúe a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro e a redución do número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, para acadar unha diminución da velocidade. Cabe salientar tamén a actuación na intersección do punto quilométrico 3+620, na marxe dereita, onde se executarán cuñas de desaceleración e aceleración, tal e como explicaron dende a Consellería, ou a prevista no punto quilométrico 3+770, tamén na marxe dereita, onde se actuará para gañar espazo para os xiros e que estes sexan máis seguros e menos bruscos. Por outra banda, a intersección no punto 3+770, na marxe esquerda, disporá dun sentido único, polo que se levará a cabo a construción dunha pequena cuña de desaceleración, e na intersección entre os puntos 3+930 e 5+010 executaranse dúas glorietas.

No caso da construción da senda situada na marxe esquerda (entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150, ademais do treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio), as expropiacións xa foron autorizadas o pasado xoves.

Reformulación. Senda Combarro-Chancelas-Samieira
Ambas actuacións de mellora da seguridade viaria e a mobilidade terán a súa continuidade na senda do tramo Combarro-Chancelas-Samieira, entre os puntos quilométricos 5+680 e 8+200. Neste caso, logo de analizar as suxestións presentadas ao proxecto e valorar as necesidades da contorna, a Consellería informou de que serán obxecto de reformulación. O obxectivo da Xunta é impulsar un novo trámite de información, que se prevé acometer ao longo deste ano para, a continuación, poder licitar a execución das obras.

Estas novas intervencións, afirmaron dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, súmanse ás xa executadas polo departamento que dirixe Ethel Vázquez na estrada PO-308, "o que está a permitir unha transformación histórica ao longo de toda a súa lonxitude".

Comentarios