Tal e como informaron dende a Consellería, o obxectivo é proceder ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos, que se desenvolverán de xeito coordinado, contan en ambas actuacións cun prazo de execución de 18 meses.
O proxecto de mellora da seguridade desenvolverase entre os puntos quilométricos 3+500 e 5+100, cunha actuación que inclúe a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro e a redución do número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, para acadar unha diminución da velocidade. Cabe salientar tamén a actuación na intersección do punto quilométrico 3+620, na marxe dereita, onde se executarán cuñas de desaceleración e aceleración, tal e como explicaron dende a Consellería, ou a prevista no punto quilométrico 3+770, tamén na marxe dereita, onde se actuará para gañar espazo para os xiros e que estes sexan máis seguros e menos bruscos. Por outra banda, a intersección no punto 3+770, na marxe esquerda, disporá dun sentido único, polo que se levará a cabo a construción dunha pequena cuña de desaceleración, e na intersección entre os puntos 3+930 e 5+010 executaranse dúas glorietas.
No caso da construción da senda situada na marxe esquerda (entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150, ademais do treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio), as expropiacións xa foron autorizadas o pasado xoves.
Estas novas intervencións, afirmaron dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, súmanse ás xa executadas polo departamento que dirixe Ethel Vázquez na estrada PO-308, "o que está a permitir unha transformación histórica ao longo de toda a súa lonxitude".