Os mercadiños de Combarro e Marín recuperan a actividade progresivamente

De momento só se contempla que poidan ter actividade os comerciantes que ofrezan produtos de alimentación ou vencellados ao sector agrícola
Posto de prantas no mercadillo de Combarro, este martes. CEDIDA
photo_camera Posto de prantas no mercadillo de Combarro, este martes. CEDIDA

O mercadiño de Combarro retomou na mañá do martes a actividade, logo da paralización por mor do estado de alarma. Foron tres os postos que permaneceron operativos na Praza da Chousa, cumprindo coas distancias de seguridade e as medidas de hixiene establecidas polas autoridades.

A Policía Local de Poio pasou revista a estes postos para confirmar que cumprían con estes requisitos. Cómpre lembrar que, de momento, só se contempla que poidan ter actividade os comerciantes que ofrezan produtos de alimentación ou vencellados ao sector agrícola.

Pola súa parte, o mercadiño de Marín volveu este mércores ao municipio, aínda que con importantes restriccións. Neste sentido, so se poderán dispoñer os postos que se adiquen á venda de flores, prantas e froitas e verduras.

Con estas restricións, o número de postos xa é inferior ao 25% máximo que esixe a fase 1 de desescalada, segundo informou o Concello de Marín, e tamén permite que se dea a distancia física requerida entre eles, para evitar que exista aglomeración de xente, que deberá seguir respetando de maneira estricta a distancia de seguridade de dous metros entre persoas. Polo momento, o resto de postos, na súa maioría de roupa e calzado, non están autorizados para instalarse.

Todos aqueles que acudan ao mercadiño, igual que se visitan outros establecementos, deben cumprir coas medidas de prevención e de hixiene persoal.

Comentarios