O Nadal invade Poio a partir desta fin de semana

O Concello anima a que os veciños e veciñas que teñan algún talento o amosen mañá na celebración das 'Uvas de San Martiño'
La Burbulla de Nadal será uno de los puntos en donde estarán los Reyes a las 12.45 horas del viernes. R. FARIÑA
photo_camera Nadal en Poio. DP

A partir desta fin de semana comezan as celebracións de Nadal, que se espallarán por todos os recunchos do municipio de Poio ao longo de todas as festas. Os cativos e cativas poderán gozar da Festa de Nadal, que se está a celebrar no pavillón do CEIP Isidora Riestra, e que continúa este domingo en horario de 12.00 ata as 14.00 horas e dende as 16.30 ás 20.00 horas. Así, os máis pequenos poderán participar na diferente oferta de actividades e animación pensada para eles, pero tamén para os adultos, coma os segways, minikarts eléctricos, animación con pintacaras, inchables e moita música e divertimento nun espazo cuberto e adaptado para eles.

Este luns, 30 de decembro, o Nadal continúa en Raxó cos obradoiros Mininadal. Estas actividades, que contan cunha oferta variada e que prometen divertir moito aos cativos e cativas, terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa durante toda a xornada deste luns. Ademais, os nenos e nenas poderán coñecer á Apalpadora en persoa, que os visitará nestas instalacións a partir das 12.00 horas, co obxectivo de comprobar como comeron as cianzas durante todo o ano.

A Escola de Campo de Combarro tamén será o escenario de obradoiros para os cativos e cativas a partir do día 2 de xaneiro.

A novidade do Nadal de Poio deste ano chega da man dunha iniciativa veciñal con espírito colaborativo que terá lugar mañá, e que consiste nun simulacro de fin de ano apodado popularmente como Uvas en San Martiño. Trátase de celebrar o aninovo de xeito adiantado, comendo as 12 uvas no entorno da igrexa de San Martiño. A veciñanza escoitará estas peculiares badaladas de aninovo adiantadas en directo a partir das 20.00 horas. Ademais, poderá gozar dunha foliada de música popular, chocolate quente e rosca de balde. E, por suposto, tamén das 12 uvas.

O evento Uvas en San Martiño nace con vocación integradora, polo que o Concello, encargado da organización da súa segunda edición, convida a que, ademais de asistir, as persoas con algún talento tamén participen na festa, polo que anima aos veciños e veciñas a que amosen o seu para facer unha celebración na que todos sexan protagonistas.

Comentarios