O Nadal tamén traerá lecer para maiores e mozos en Poio

A Concellería de Benestar Social e Mocidade programa actividades desde mediados de mes ata o vindeiro 8 de xaneiro
Curso de cociña de Nadal en Poio. D.F.
photo_camera Curso de cociña de Nadal en Poio. D.F.

Proxeccións de películas infantís, talleres de cociña, eventos xa tradicionais como o Bingo Entretido, ou o encontro de maiores e novidades como a xornada gaming. Estas son parte das actividades programadas pola Concellería de Benestar Social e Mocidade de Poio para o Nadal.

Aínda que nesta época, o departamento de Servizos Sociais, dependente desta área, e as accións solidarias toman protagonismo, a Concellería non esqueceu programar citas de lecer saudable para dúas das franxas máis importantes da poboación, como son a mocidade e os maiores.

Así, entre os días 28 e 30 de decembro haberá sesións de cine gratuítas no local social de Campelo, na Escola do Campo de Combarro e na Casa Rosada. Todas elas darán comezo ás 11:30 horas. Os filmes que poderán ver os rapaces e rapazas serán Shazam, Animales Fantásticos, Los crímenes de Windelwala e Sonic, La película.

Previamente, os días 22 e 23 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas, a Casa Rosada acollerá un taller de introdución á cociña vegana. Esta actividade está dirixida a maiores de 14 anos e servirá para ofrecer ás persoas inscritas pautas para preparar menús con especialidades como canelóns de salsa boloñesa vegana e doces como tarta de limón e arándonos ou pastel de iogur con mandarina.

O propio día 23, en horario de tarde (de 16:30 a 19:30 horas), a propia sede de Servizos Sociais tamén será escenario dunha xornada de xogos de mesa, para maiores de 12 anos, que poderán xogar ao parchís, xadrez, scrabble ou afundir a frota. "Son xogos que no seu día marcaron a moitas xeracións, pero que hoxe en día quedaron nun segundo plano, por mor do avance das novas tecnoloxías", indica Rosa Fernández.

Por último, o 8 de xaneiro será a Xornada Gaming Nadal, desenvolta pola Asociación Gaming Troop e que acollerá torneos de videoxogos durante todo o día. Repartiranse 300 euros entre os e as gañadoras. O aforo quedará limitado a 40 persoas.

Benestar Social tampouco se queda atrás á hora de ofrecer iniciativas para as persoas maiores. A primeira será un obradoiro de arte floral, ofrecido pola monitora da firma Risotadas, Carmen Castro, os días 13 e 17 de decembro entre as 17:30 e as 21:00 horas.

Previamente, o día 3, haberá unha reunión coas persoas inscritas para informar dos materiais a usar para elaborar adornos.

Os días 14 e 16, asemade, os chefs Elena Argüello e Isidro Cao ofrecerán un curso de cociña para a elaboración de menús tradicionais de Nadal. Será tamén na Casa Rosada, ás 19:00 horas. As persoas inscritas terán a ocasión de recibir consellos e pautas para a elaboración de especialidades típicas destas datas como vieiras, carrilleiras de rape con langostino, rolo de carne rechea e doces de Nadal. Os grupos destes cursos non excederán as 25 persoas.

Ademais, este ano volve un emblema da Concellería, como é o Bingo Entretido, a través do cal as persoas maiores poden xogar de balde. Os e as gañadoras recibirán diferentes premios, como roupa, menaxe ou complementos. As sesións serán do 13 ao 16 de decembro e serán itinerantes. A antiga Escola de Tarrío, en Samieira, acollerá a inauguración do bingo o día 13, ás 11:00 horas. O día 14 será a quenda para o Centro da Reiboa, na Seca (10:00), no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó (17:00) e Vilariño (19:30), mentres que o 15 trasladarase á Casa Rosada (17:00) e o día 16 o bingo celebrarase na Escola do Campo de Combarro (11:00) e no local de Campelo (17:30 horas).

Outra das citas, o Encontro de Maiores, quedou fixado para o 15 de decembro, na Casa Rosada, a partires das 17:00 horas. Será necesario realizar reserva previa porque o aforo é limitado. A cita contará cunha chocolatada e unha actuación de Miguel Martínez.

Por último, tamén dentro da programación, os máis de 100 alumnos e alumnas do programa Saudemente recibirán un agasallo.

Comentarios