"Este non é un mundo de homes"

Nada menos que 11 mulleres forman parte do motoclube "A rosa dos ventos" de Poio. Todas teñen "a mesma voz" nun estilo de vida no que as máis veteranas serven de inspiración ás novas xeracións
Parte das socias de "A rosa dos ventos" na Seca. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Parte das socias de 'A rosa dos ventos' na Seca. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

COMA TODAS as cousas boas, o motoclube A rosa dos ventos naceu da profunda paixón polo mundo da moto duns amigos que quixeron "dar a coñecer o noso municipio" e instaurar en Poio a actualmente famosa concentración moteira, despois de peregrinar por outros moitos eventos deste tipo. Foi unha fazaña "complicada, con moitas trabas e moito papeleo", na que elas, as mulleres, tiveron moito que ver.

Lorena Güimil, a máis veterana: "A máis veterana do clube Queriamos dar a coñecer Poio. Comezar isto foi de locos, pero fomos mellorando e aprendimos dos erros"

Precisamente, Lorena Güimil, hoxe a muller máis veterana do clube, viviu e traballou arreo dende os seus inicios, hai nada menos que 13 anos. "Todo comezou cun par de cervexas nun bar. Manuel –o presidente– e eu, andabamos en moto cun colega, iamos ás concentracións e ruteabamos. Comezar isto foi de locos, pero fomos mellorando ano a ano e aprendimos dos erros", lembra.

Moitas cousas cambiaron no clube dende entón, pero a súa filosofía mantívose firme. "Nunca quixemos ser moitos como organización, somos un grupo non moi grande, pero aquí todos temos o mesmo papel, nunca houbo diferenza", asegura. Hoxe A rosa dos ventos conta con 33 socias e socios, das que 11 son mulleres. Catro delas son piloto, coma Ingrid Sueiro (48 anos), que forma parte da directiva, ou María García (32 anos). Outras, como Lorena Güimil (42 anos) son paquete "de momento", pero iso nunca significou unha diferenza. "Nas reunións vota tanto unha muller paquete ou piloto coma un home", asegura.

María García, a muller máis nova do clube: "En este club nos sentamos todas a la mesa y nuestras opiniones e ideas son igual de válidas que las de ellos"

Non hai discriminación de xénero. Para María, a muller máis nova do clube, no que entrou hai catro anos, esta é unha cuestión fundamental. "Aquí nos sentamos todos a la mesa y nuestras opiniones e ideas son igual de válidas que las de ellos", afirma. "O cariño, o respeto pola persoa e a igualdade" son os ingredientes fundamentais para que Ingrid, que cumpriu 11 anos no clube, o considere xa coma "unha familia, todos somos irmáns".

Aínda que todas elas chegaron ata aquí por camiños ben diferentes, a "paixón polo mundo da moto, a sensación de liberdade e do vento na cara" son emocións que as definen por igual, e que mesmo ás veces non poden explicar con palabras. A Lorena sempre lle gustaran as motos, "dende adolescente". Comezou moi nova coa súa parella e "era o noso medio de transporte. Esa sensación de liberdade sempre me gustou, nunca me deu medo", di.

Xuntos crearon o clube, e déronlle ás á concentración moteira. Entre os seus mellores recordos reside a visión dunha estrada chea de motos, "mirar cara adiante e cara atrás, e ver a tanta xente. É impresionante, porque a concentración é algo que facemos nós. E o mellor, é que despois de tantos anos seguimos sendo os mesmos, coa mesma mentalidade e forma de pensar, agradecendo a todo o mundo que nos acompañe en algo así", di.

Ingrid Sueiro, membro da directiva: "Houbo máis antes ca min, algunhas eran paquete e outras piloto, pero aquí o trato e o traballo é o mesmo"

Ingrid entrou no clube de paquete, "o que conducía era o meu marido". Diso hai xa 11 anos e non tardou nada en mercar a súa propia moto. Primeiro foi unha Vanvan 125 e logo unha Naked. "Vaiche entrando o gusanillo cando vas a unha concentración e ves que non tira ben nas costas arriba. Foi entón cando saquei o carné e merquei unha Kawasaki 500, e logo pasei á 650 que teño agora. O corpo vaiche pedindo ascender", explica. Comezou na directiva despois dunha das eleccións que se fan cada catro anos. "Entrei como vogal e logo ascendín a tesoureira. Houbo máis mulleres na directiva antes ca min, na secretaría e tesourería. Unhas eran paquete e outras piloto, pero aquí o trato e o traballo é o mesmo, da igual se non pilotas", explica.

Para María, a muller máis nova do grupo, á que con cariño chaman Mariíña, A rosa dos ventos supuxo tamén un crecemento a nivel persoal. "Yo antes era más tímida y el club me hizo más sociable. Aquí la gente te acoge, se acerca y te habla", conta. Comezou coma socia colaboradora e hai dous anos que pilota. A numeración de socia chegoulle no seu 30 aniversario. "Cumplía 30 y mis amigos de dentro del club y de fuera se juntaron y me regalaron la moto", unha 125 que, para ela, supuxo "entrar en A rosa dos ventos a todos os efectos". "Fue algo muy grande, porque no tenía medios para conseguir una. Lo que tenemos aquí es increíble. Me gusta como me tratan y me protegen, y acabar tumbada en el jardín cuando terminan las concentraciones porque no puedes más. Estás cansada pero te quedas con los tuyos".

Que se o mundo da moto é perigoso? "En absoluto", afirman as tres con rotundidade. "Nas nosas rutas pilotamos con cabeza e se alguén se queda atrás, agardamos a que se reincorpore. Aprendemos cada día uns dos outros e a estar na estrada", din. Por iso, animan a todas as mulleres vivir a experiencia: "Cada vez hai máis mulleres novas, e mulleres montadas nas súas motos nas concentracións. Este non é un mundo de homes".

Comentarios