A nova residencia de Cerdedo estará lista o vindeiro mes de novembro

Disporá de 48 prazas e supón un investimento de 1,7 millóns da Xunta
2020051618012763255
photo_camera As obras da residencia da terceira idade, na actualidade. CEDIDA

A construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo, impulsada polo Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, xa afronta a derradeira fase das obras, fixadas nun semestre, co obxectivo de ter rematado este "moderno e funcional" edificio antes de que finalice o presente ano 2020.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tras interesarse polo seu estado cos seus responsables para coñecer as consecuencias da obrigatoria paralización da mesma pola crise sanitaria do coronavirus, desvelou que o cronograma previsto apunta á conclusión da obra física no mes de novembro, "o cal é unha moi boa nova porque basicamente mantén a idea que tiñamos Xunta e Concello para contar canto antes con esta nova infraestrutura".

Así, Cubela destacou o bo ritmo dos traballos malia o freo que sufriron polo Estado de Alarma e amosou a súa confianza en que o novo xeriátrico público estará en funcionamento ao longo do vindeiro ano 2021, xa que cómpre lembrar que tras a construción haberá que afrontar os procesos de contratación e subministro do equipamento e activar toda a operativa de persoal e loxística para a súa apertura.

Tras o remate da estrutura xeral cos forxados e formigonados o pasado outono, comezaron liñas de traballo que deron os seus froitos, xa que a cuberta xa está impermeabilizada e as tarefas de albanelería están a piques de rematarse, mentres que as instalacións de servizos tamén se atopan "bastante avanzadas". Está previsto que o seguinte paso sexa a colocación da carpintería exterior.

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e 24 habitacións dobres, e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar, supón un investimento integral da Xunta de Galicia de 1,7 millóns de euros, xa que a obra foi contratada por 1,45 millóns e os 250.000 euros restantes destinaranse ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario.

Comentarios