Unha nova sinalización para as rutas dos muíños poienses

Investiranse 18.000 euros na remodelación da Freixa e Samieira
Estado actual da sinalización na ruta dos muíños de Samieira. CONCELLO
photo_camera Estado actual da sinalización na ruta dos muíños de Samieira. CONCELLO

As rutas dos muíños da Freixa e Samieira serán, no sucesivo, máis accesibles e atractivas. O Concello de Poio vén de adxudicar os traballos para mellorar a sinalización existente nas rutas da Freixa, na parroquia de San Xoán, e de Samieira, a través dunha iniciativa impilsada pola concellería de Turismo, cun orzamento que supera os 18.000 euros. As tarefas darán comezo nos vindeiros días e prevese que finalicen en poucas semanas.

A titular deste departamento, Silvia Díaz, explicou que a finais de 2019 solicitouse unha achega á Axencia Galega de Turismo, dependente da Xunta de Galicia, para levar a cabo esta actuación. Sen embargo, o estado de alarma obrigou a paralizou a tramitación e, ademais, debido á nova situación derivada da crise provocada pola covid-19, esta liña de axudas foi reconvertida en convenio por parte da Administración autonómica, que aporta o 65% da contía total do orzamento, mentres que o Concello asume o 35% restante (uns 6.300 euros aproximadamente). "Foi preciso aumentar a achega municipal, pero consideramos que é importante apostar pola boa conservación destes roteiros", indica a concelleira de Avante Poio, que ten claro que estes espazos supoñen "un gran reclamo para turistas e visitantes non só durante o verán, senón tamén de cara á desestacionalización".

Os traballos inclúen a reposición dos paneis informativos e da sinalización existente ao longo dos roteiros. Cómpre lembrar que o da Freixa conta con sete muíños, nunha extensión de 1,8 quilómetros. Polo que respecta a Samieira, consta de 23, dez dos cales foron restaurados, ademais de tres fontes. A lonxitude total é de 5,5 quilómetros (ida e volta).

A reposición faise necesaria, xa que varios destes paneis atópanse deteriorados e mesmo desaparecidos. Os sinais ofrecerán aos visitantes planos, imaxes e textos explicativos sobre a flora e a fauna existente nestes espazos, así como os nomes dos muíños. Ademais, o proxecto tamén contempla reforzar a sinalización na PO-308 e na PO-303, desde as cales se accede a ambos roteiros.

Comentarios