O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, procedeu á colocación da bandeira e os distintivos a través dos cales a praia fluvial do río Verdugo se suma á “Rede Galega de Praias sen Fume”, unha iniciativa da Consellería de Sanidade para concienciar ao público sobre a erradicación do tabaquismo nestes lugares de lecer. A consideración de Calidade "excelente" que lle foi outorgada certifica tamén a idoneidade e excelencia destas augas para a práctica do baño.
141 praias de 64 concellos integran a Rede Galega de Praias sen Fume
A bandeira de Praia "sen Fume" serve de reclamo turístico, calidade e salubridade, como eixo dunha campaña de sensibilización que ten como fin incidir na importancia da conduta dos adultos para que o seu comportamento con respecto ao tabaco sirva de exemplo aos máis pequenos, á vez que se protexen estes lugares naturais da presenza indiscriminada de cabichas que afean e atentan contra o medio ambiente.