A obra de Pidre Novás sobre Tambo será protagonista dunha charla en Combarro

Será o día 21 na sede da Comunidade de Rega dos Agros ▶O Casal de Ferreirós recibe este venres a Rafael Quintía e Lino Pazos para falar das lendas de Poio

Presentación libro Tambo
photo_camera O autor do libro sobre Tambo coas concelleiras de Cultura e Normalización Lingüística. DP

Tambo, la isla en el tiempo é o nome do volume sobre a illa poiense que se presentará o vindeiro 21 de outubro en Combarro e que é obra de José Manuel Pidre Novás, investigador afeccionado de Pontevedra e a súa comarca que adicou meses a reunir a documentación e material necesario para as 200 páxinas que compoñen esta obra. 

A sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros acollerá este encontro, que foi programado pola Concellería de Cultura co gallo do 50 aniversario da designación da vila como Conxunto Histórico Artístico.

A concelleira de Cultura, precisamente, aproveita para lembrar o estreito vínculo "que uniu a Tambo non só co municipio e coa bisbarra, senón tamén, dun xeito máis forte, coa parroquia de Combarro".

Tal e como apunta o departamento de Cultura, o volume recolle "valiosa información sobre as peculiaridades da illa". Así, non faltan capítulos adicados aos diferentes cambios de propietarios das terras da illa, desde a Igrexa ata particulares vinculados con Combarro, sen esquecer, por suposto, á instución militar. A súa vez recolle, nesas mesmas páxinas, os usos que os propietarios lle deron a estas terras, con especial atención ao que recibían cando os donos e donas eran veciños da localidade.

Pidre Novás tamén reflexiona sobre a historia do lazareto e o seu uso, sobre as instalacións militares e parte da historia da illa na que esta pertenceu a Defensa. 

A concelleira de Cultura agradece a colaboración desinteresada de Rega dos Agros, que cede as instalacións para este encontro e anima á veciñanza a acudir a esta cita na que se poderán abordar facetas menos coñecidas da historia local. 

EN FERREIRÓS. A proposta non é a única que se desenvolverá con Tambo como parte do relato neste mes. Así, este venres, no acto que pechará a programación da Casa Museo de Colón será posible escoitar moitos dos mitos e lendas sobre esta illa. Trátase da charla Mitos, lendas e tradición oral de Poio. É o nome da iniciativa que terá lugar o vindeiro venres 14 de outubro, no Casal de Ferreirós, e que contará coa participación do antropólogo Rafael Quintía, que falará sobre a antropoloxía, a mitoloxía e a tradición oral de Poio, e de Lino Pazos, que centrará a súa conferencia nas lendas existentes en torno á Illa de Tambo.

Estas charlas darán comezo a partir das 20.00 horas, con entrada libre, e organízanse a través da Casa Museo de Colón que o sábado 15 despiden a tempada de visitas estival. 
 

Comentarios