As obras de instalación da fibra óptica en Cerdedo-Cotobade, no punto clave

O lugar de Dorna, en Santa María de Sacos, acollerá o entronque entre os dous territorios
O lugar no que se executará a conexión, en Dorna. CEDIDA
photo_camera O lugar no que se executará a conexión, en Dorna. CEDIDA

As obras de instalación da fibra óptica no concello de Cerdedo-Cotobade veñen de experimentar un importante avance, situándose nun punto estratéxico para conectar Cotobade e Cerdedo. Trátase do lugar de Dorna, na parroquia de Santa María de Sacos, un enclave fundamental na actuación, tanto polo seu peso poboacional como por tratarse do punto de paso e entronque que permitirá a conexión do servizo entre os dous territorios municipais.

Segundo explican dende o Goberno local, a rede permitirá unha conexión "ultrarrápida" a Internet, cunha velocidade de alomenos 100 megas. Os traballos comezaron hai algúns meses polas parroquias de Tenorio e Viascón, que foron escollidas como punto de partida por acoller a preto do 30% da poboación municipal e pola súa localización, moi preto de Pontevedra e vertebrada a través da N-541. Así, lugares como Parada de Tenorio, Calvelo, Laxe ou Traslamós, entre moitos outros, xa teñen executada a infraestrutura, que foi avanzando pola estrada Nacional ata chegar, esta semana, ao lugar de Dorna, onde se implantará nos vindeiros días.

Nesta primeira fase, que conta cun prazo estimado de 18 meses, a rede chegará a case 1.200 vivendas e negocios pertencentes a 14 parroquias, e posteriormente, de cara a 2022, dotarase ao resto das localidades. O alcalde, Jorge Cubela, asegurou que a instalación e "tan necesaria ou máis que cando melloramos unha pista ou facemos un saneamento". 

Comentarios