As obras de mellora en Lameiriña e Caneliñas chegan á súa fase definitiva

Os traballos de renovación de servizos e substitución do antigo firme por empedrado, que acusaba notables deficiencias, estarán rematados antes do inicio do verán
undefined
photo_camera Agís e Casás supervisaron os avances en Lameiriña, que xa loce o novo empedrado. DP

A demanda histórica dos veciños da rúa Lameiriña (Raxó) verase cumprida, por fin, en poucas semanas, e antes do inicio do verán. Este é o prazo que estimou o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás, que visitou este martes tanto Lameiriña como Caneliñas, que tamén está a ser obxecto da mesma renovación, co obxectivo de poñer en valor un dos núcleos principais da localidade.

Acompañado polo responsable do departamento de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, Casás Barral puido constatar o bo ritmo ao que avanza o proxecto, proxecto, executado pola empresa Covsa, e que conta cun orzamento superior aos 350.000 euros, financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha actuación que se amplía con respecto aos plans iniciais da Administración local, que contemplaban unha mellora para Lameiriña.

Esa obra non chegou a executarse, debido ao cese repentino de actividade da anterior adxudicataria (Nexia Infraestructuras), polo que se sacou a licitación un proxecto "moito máis completo e amplo", lembrou Julio Casás. Deste xeito, agora as tarefas tamén se estenden ata a Praza Lameiriña e Caneliñas.

Os operarios da firma responsable das obras xa procederon a dotar de nova superficie de empedrado a boa parte da rúa. Cómpre lembrar que a extensión do tramo no que se actúa supera os 1.000 metros aproximadamente. Lameiriña pasa a contar, deste xeito, cunha plataforma única, o que favorecerá unha maior mobilidade e seguridade viaria. Ademáis, esta superficie tamén é máis resistente, tal e como lembra o concelleiro de Obras, e "adáptase e respecta a contorna".

A dotación de dez novas bocas de rego e a mellora de servizos básicos completan esta actuación, que segue a filosofía marcada polo Concello de Poio á hora de mellorar e poñer en valor núcleos tradicionais, así como a aposta pola mobilidade sustentable e peonil, tal e como consta no Plan de Mobilidade Urbana aprobado neste mandato. Actualmente os operarios están a actuar nos ramais que enlazan Lameiriña coa Avenida da Toxa, na PO-308.

Comentarios