O Orgullo emerxe na comarca co Festival Seres, na Lama, e a xornada LGTBI en Famelga

En Cotobade a iniciativa promóvea o PSOE e en A Lama é a asociación Xuntas Creamos a que puxo en marcha a iniciativa
A carballeira das Ermidas, que acollerá o Festival Seres. DP
photo_camera A carballeira das Ermidas, que acollerá o Festival Seres. DP

Aínda que nos concellos rurais da comarca de Pontevedra o primeiro e máis destacado expoñente do movemento LGTBIQ+ é o festival Canteira Fest, no ano de saída da pandemia no mes do Orgullo floreceron novas iniciativas pioneiras para visibilizar a realidade destes colectivos, socializala e favorecer a integración social.

Así, este sábado, na carballeira de Famelga, en Cerdedo-Cotobade, e na de As Ermitas, na Lama, daranse dúas destas citas organizadas por distintas entidades e colectivos.

Encontro en Cerdedo-Cotobade

A primeira delas será un encontro promovido polo PSOE do municipio de Cerdedo-Cotobade en colaboración coas veciñas do lugar Pilar Costoya e Lorena Lorenzo.

A iniciativa desenvolverase desde as 18.00 horas, e contará coa intervención de Rosa Arcos, que é secretaria de Desenvolvemento Rural da executiva socialista, e Javier Carballo de Jesús, responsable de dereitos LGTBI dsta mesma formación.

En ambos casos se pretende analizar as oportunidades do rural e modernizar a visión da inclusión das persoas LGTBIQ+ nas comunidades que conviven co estigma de seren máis tradicionais.

As dúas veciñas, Lorena e Pilar, conducirán un coloquio no que se departirá cos e coas asistentes, e para completar a proposta, compartirán un ágape cos mesmos.

Encontro na Lama

A programación do encontro que propón a asociación Seres na Lama ten varias vertentes: a comercial, a artística e tamén a de divulgación. A proposta terá o formato dun festival agroqueer.

A xornada iniciarase ás 10.00 horas co obradoiro de Xinecoloxía Natural impartido por Matriz Galega. Ás 11.30 horas será o turno da Palestra Cuir-Rural: con Artemisa, Realidades Diversas, Adrián Gallero Moreiras, Colectivo Agrocuir, Alicia Arruti, Ponte Diversx, o IES Ponte Caldelas e Marcos Ceive. Esa mesma proposta será dinamizada por O Rabelo.

Ás 13.00 será o turno da tradición musical, con Pandereteiras do Suído e Foliada e despois da parada para repoñer forzas, sobre as 16.00 Outro Conto impartirá un obradoiro de alimentación consciente. A palestra antirracista, outro dos compoñentes desta proposta multicultural, iniciarase ás 17.00 horas, con Aranxa Vicens, de Resistencia Terra Allea, Provivienda, Karlo Inalef, da Comunidade Maucge Maipú e o Foro Galego de Inmigración. A dinamización deste encontro correrá a cargo de Viky Campoamor. Pola noite, desde as 20.00 será a quenda da música, con Toma de Terra (20.00 horas), Lakenobaila DJ (22.00 horas) e Saya DJ (23.30).

O entorno escollido para as dúas propostas son carballeiras do máis emblemático que hai no interior da comarca. Na de Famelga téñense celebrado encontros de todo tipo, o máis repetido deles, a Xuntanza dos Maiores de Cotobade; na de As Ermidas, a festa que é un dos emblemas da sociedade lamesa. No caso da Lama, a proposta irá acopañada dunha carpa con mercadiño con diversos postos de artesanía e punto contra as violencias LGTBI e racistas. A Deputación colabora coa posta en marcha desta iniciativa.

Comentarios