O Padrón de Poio acada unha cifra récord en febreiro, por riba dos 17.200 habitantes

O número de persoas censadas é sensiblemente superior ao que figura no INE, de 17.073 veciños e veciñas ► Case 800 habitantes mudaron a residencia ao municipio nos últimos meses
Localidades como Combarro experimentaron un grande crecemento. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Localidades como Combarro experimentaron un grande crecemento. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Padrón de Poio vén de acadar un nivel de poboación de récord. Un informe elaborado polo persoal responsable do Padrón municipal cifra en 17.258 o número de persoas que están censadas na actualidade na vila. Desta cantidade, 8.694 son mulleres e 8.564 son varóns. A cifra que consta no Padrón é sensiblemente superior á que figura no Instituto Nacional de Estadística (INE), que fixa en 17.073 o número de veciños e veciñas censadas en Poio. Este notable aumento vén provocado, entre outros factores, polas solicitudes de altas que a Administración municipal tramita de xeito diario, que superan ás baixas. Segundo os datos que se manexan no Padrón, ata o pasado 10 de febreiro durante os últimos meses producíronse preto dun millar de incorporacións (concretamente, 928).

Segundo o Concello, a meirande parte destas altas corresponden a cambios de residencia. Ata 763 persoas doutros concellos solicitaron darse de alta no Padrón de Poio, aos que hai que engadirlles outros 30 estranxeiros e estranxeiras. A cifra de novos veciños e veciñas complétase con 100 nacementos e 35 omisións. Polo que respecta ás baixas, tramitáronse un total de 704 (597 por cambio de residencia, 145 por defuncións e 72 por omisión ou inscricións indebidas). Neste sentido, o Goberno local constata que cada vez son máis as persoas que dispoñen dunha segunda vivenda en Poio e que amosan o seu interese en empadroarse nas mesmas, un feito que, asegurou "multiplicouse logo da aprobación inicial, a finais do pasado ano, das novas modificacións que o Concello prevé aplicar a partir de 2022 en diferentes impostos". No caso do IBI, haberá bonificacións para as familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros e un incremento do 25% en segundas vivendas, pero sen afectar a inmobles arrendados ou que teñan xente empadroada neles. Precisamente, un dos obxectivos que busca o equipo de Goberno con esta medida é "fomentar o número de altas no municipio", unha meta que, asegura, "está empezando a dar os seus froitos". 

O Goberno local salienta que o fenómeno multiplicouse logo da aprobación inicial da modificación de impostos

A tendencia, que o Goberno local valorou como "moi positiva", vense estabilizando desde o cambio de século. Nos últimos 20 anos, o municipio pasou de contar con 14.271 habitantes (dato correspondente ao ano 2001) aos 17.258 actuais, o que se traduce nun incremento de máis do 17%. Ademais, desde hai xa varios anos vense superando a barreira dos 17.000 rexistros, un índice acadado por primeira vez hai menos dun lustro.

Polo que respecta ás parroquias, San Salvador consolídase tamén como a máis poboada, contando con 7.685 persoas empadroadas, seguida de San Xoán (5.473). Destaca tamén o aumento que experimentaron localidades como Combarro, que neste mes de febreiro conta con 1.828 veciños e veciñas, polos 1.221 que figuran nos datos correspondentes ao ano 2019. En Raxó o padrón cifra o número de habitantes en 1.201 e en Samieira, 1.071. Por último, outro feito a salientar por parte do equipo de Goberno é que máis do 25% da poboación de Poio está en idades comprendidas entre os 15 e os 39 anos.

Comentarios