Paradoxo no CRA de Vilaboa: "O que os de aquí non queren, pídeno os de Pontevedra"

Na unidade de Bértola da Escola Rural podían matricularse para o curso que vén oito nenos, pero só un o fixo. Pola contra, o centro tivo alta demanda de pais e nais pontevedreses e catro novos alumnos chegarán da cidade do Lérez ►As familias interésanse polo uso do galego, a educación en contacto co rural, e as baixas ratios de cada grupo
Unha das saídas ao Camiño Xacobeo, que pasa cerca das aulas. CRA DE VILABOA
photo_camera Unha das saídas ao Camiño Xacobeo, que pasa cerca das aulas. CRA DE VILABOA

Os colexios rurais e as pequenas escolas da provincia veñen de pasar por un dos momentos de máis tensión do ano. No mes de marzo completouse o proceso de reserva de prazas e matrículas e en todos os municipios e lugares do rural o número de inscritos pode ser condicionante da cantidade de aulas, da composición do equipo docente, ou nalgún caso, do peche dalgunha unidade.

En Vilaboa, no Colexio Rural Agrupado Consuelo González Martínez, ese non é o caso. Aínda que en termos relativos deron un pequeno paso atrás, posto que pasarán, se se mantén a cifra prevista, do 92 alumnos e alumnas, aos 86. A responsable do centro, Conchita Pérez Núñez indica que a situación "non é moi distinta da de un par de anos atrás, antes da pandemia".

A docente sinala que o colexio, ao ter centros repartidos polas cinco parroquias do municipio, conta con distintas situacións con respecto á matrícula, aínda que en xeral, estima que se deu en case todas as situacións un resultado similar ao de anos anteriores. En todas, salvo na de Bértola, unha unidade na que este ano se materializou o paradoxo de que serán máis os novos inscritos provintes doutro municipio (o veciño de Pontevedra) que os da propia parroquia.

"Os pais preguntan se temos o modelo lingüístico en galego, porque é o que falan a maioría das familias, pero iso non garante que os nenos entre eles, no recreo e noutras situacións, falen o galego"

"Nos centros sempre facemos un traballo posterior á matriculación repasando o padrón e tratando de comprobar como marchan as cousas. É algo que nos permite ter unha previsión da demanda ou coñecer se hai interese polas aulas. No noso caso estamos acostumados a detectar que algunha familia pide por motivos concretos praza nunha das unidades distintas da súa parroquia. Por exemplo, no caso de Cobres, é frecuente que sendo de Santa Cristina pidan na Pousada, ou ao revés, que se pida A Barciela, que é o centro de Santa Cristina, sendo a familia de San Adrián".

O que é menos habitual é o que sucedeu en Bértola, onde, "o que os de aquí non queren, pídeno os de Pontevedra", según sacaron en conclusión no equipo docente.

"Tiñamos constancia de oito nenos e nenas en idade de ser matriculados, pero no prazo estipulado só apareceu un. Ademais parécenos que esa escolla non foi porque quixeran ir á escola de Figueirido ou a calquera outra de Vilaboa. Seleccionaron claramente outros modelos educativos", indica a docente que, para máis contraste, se atopou coa sorpresa de que "unha media ducia de familias veu polo centro preguntando se habería prazas, aínda que eles non eran de Vilaboa, senón que procedían de Pontevedra".

Alumnos e alumnas da unidade de Bértola realizando un traballo mural con sombras. CRA DE VILABOA
Alumnos e alumnas da unidade de Bértola realizando un traballo mural con sombras. CEDIDA

Aínda que foron máis os que preguntaron, ao final, catro dos nenos e nenas pontevedreses acabaron sendo matriculados en Bértola, que terá unha proporción do cuádruple de alumnado do concello veciño no grupo dos cativos.

A causa desta chegada de alumnado non é outra "que a busca dun colexio no que se fale galego e os nenos o falen entre eles". A mestra e futura orientadora do centro indica que cando os pais e nais preguntan, o equipo sempre responde o mesmo. "Si temos o modelo lingüístico en galego, porque é o que falan a maioría das familias, pero iso non garante que os nenos entre eles, no recreo e noutras situacións, falen o galego. Sucede en moitos outros centros que o modelo é un e o que falan os nenos é o que queren. Pero o certo é que no noso, si usan o galego".

"Bértola, por exemplo é unha escola pequena, con pouco patio, pero o que facemos é saír e integrar o contorno e a natureza como extensión do patio"

UN 'COLE RURAL' DE VERDADE. Pero non so a lingua move fronteiras no caso da Educación Infantil. Hai moitos máis compoñentes que os pais e nais perseguen para a etapa do primeiro ensino e que no CRA de Vilaboa son selo de identidade. "Preguntan moito se somos unha escola Montessori ou de algún método. E dicimos claramente que non. Que coñecemos e integramos todos os métodos que consideramos interesantes, pero non somos máis da metodoloxía Montessori, da dos proxectos ou da vivencial", sinala. Tamén buscan case sempre, centros de ratios baixas de alumnos, cos que se garante unha maior atención dos e das docentes a cada caso.

Un dos alumnos, prantando na horta ecolóxica do centro. CRA DE VILABOA
Un dos alumnos, prantando na horta ecolóxica do centro. CRA DE VILABOA

O que si os define é a súa filosofía de Centro Rural Agrupado. "Bértola, por exemplo é unha escola pequena, con pouco patio, pero o que facemos é saír e integrar o contorno e a natureza como extensión do patio", indica a titora, Fátima Peleteiro. Así, o Camiño Xacobeo, o río Toxal (río dos Gafos) ou a entrada do cole fan as veces de campo de xogos e aprendizaxe. No centro hai unha horta ecolóxica "porque estes anos, a sustentabilidade é unha parte moi importante do noso traballo", e nela cultivan e traballan en equipo os nenos e nenas. Tamén hai un composteiro e o mestre composteiro axuda a cultivar e fertilizar precisamente o espazo de cultivo.

CIENCIA. O CRA de Vilaboa tamén ten proxectos como coñecer de preto os cultivos de millo ou de hortas das proximidades, ou a formación en robótica e stem (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), algo que ten moi boa acollida entre o alumnado.

En canto ao equipo docente, componse de catorce mestres e mestras entre titoras, profesorado de apoio e especialistas, que viaxan día a día entre os centros para impartir música, audición en linguaxe, psicomotricidade e inglés. O centro contará tamén co posto de orientadora desde o próximo curso para as cinco unidades: Pousada, Barciela, Paredes, Figueirido e Bértola.

A escola con máis novas matrículas é o primeiro, que sumará 11 incorporacións do total de 19 nenos con posibilidade de facer uso da escola. Algún outro desta zona pediu praza no CRA pero en outras parroquias. A escola na que menos matrículas novas haberá será a de Paredes, na que se contabilizou un neno ou nena.

En Figueirido, como curiosidade, hai tres matrículas e do total, dúas son de alumnado procedente doutras parroquias.

comentarios