O Pazo de Besada, emblema de San Salvador, listo para reinventarse por 550.000 euros

Estiman que o edificio poderá estar rehabilitado entre finais de ano e principios de 2022
O Pazo de Besada, en San Salvador. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Pazo de Besada, en San Salvador. GONZALO GARCÍA

O epicentro dos servizos sociais, culturais e de igualdade do municipio. Con esta vontade de reorganización, o Goberno local poiense vén de sacar a licitación a remodelación do emblemático Pazo de Besada, ubicado en San Salvador, cun orzamento de 550.000 euros da man do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra correspondente ao ano 2020. Este paso adiante chega despois dun parón da tramitación polo cese de actividade que provocou o confinamento hai un ano. Neste sentido, a documentación xa obtivera os permisos pertinentes por parte de diferentes entidades como a Dirección Xeral de Patrimonio. Logo de que o proxecto recibira o visto bo por parte da Deputación, o Concello retomou os trámites necesarios ata poñer en marcha o proceso de licitación.

Durante a primeira sesión ordinaria do mes de maio, o pasado día 4, a Xunta de Goberno local aprobou o inicio de dito proceso, sobre o que o concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, agarda que os trámites para completar a adxudicación sexan o máis áxiles posibles. "Se todo vai ben, os traballos poderían estar rematados a finais deste ano ou principios de 2022", estimou. Tal e como ten reiterado o Goberno local noutras ocasións, a rehabilitación do Pazo de Besada é «unha das prioridades», posto que forma parte do pacto de goberno asinado polas tres formacións de esquerdas (BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio) en xuño de 2019.

ACTUACIÓN. Ademais de supoñer unha mellora das históricas dependencias, esta actuación servirá para que o edificio acolla varios servizos sociais, culturais e de igualdade. Ademais de continuar acollendo actividades como as que xa se desenvolven habitualmente, como as organizadas pola Concellería de Mocidade, contémplase o traslado doutros departamentos que actualmente se atopan na Casa Rosada, como Servizos Sociais ou o Centro de Información á Muller (CIM).

A mellora das instalacións, que na actualidade xa acollen diferentes iniciativas, como, por exemplo, as organizadas pola Concellería de Xuventude, permitirá facer realidade o traslado a este emprazamento de varios dos servizos que na actualidade se prestan na Casa Rosada. Así, apóstase por habilitar un espazo para Servizos Sociais na planta baixa, que incluiría áreas para persoas maiores, nas que os usuarios e usuarias terían ocasión de participar en diferentes actividades. Un aula de estudo, oficinas e espazos para acoller diferentes iniciativas culturais completan este proxecto.

Comentarios