"Aos maiores antes coidábaselles na casa; sempre se fixo así"

Peregrina Muñiz, coidadora e unha das cinco homenaxeadas en Poio polo Día da Muller

No balcón da súa casa, en Combarro, Peregrina Muñiz recoñece que está moi feliz coa homenaxe do Concello. DAVID FREIRE
photo_camera No balcón da súa casa, en Combarro, Peregrina Muñiz recoñece que está moi feliz coa homenaxe do Concello. DAVID FREIRE

Peregrina Muñiz, coñecida por todos como Gina, ten 73 anos e todos eles os pasou en Combarro, a súa localidade natal, onde foi encadeando, desde ben nova, anos e anos vinculada a un oficio sen nome propio nin remuneración que consiste en coidar persoas da familia que están doentes ou son maiores.

Gina sabe que por iso, por ter sobre as súas costas o coidado de catro ou cinco persoas anciás ou con discapacidade, é polo que a escolleron para ser unha das homenaxeadas xunto con outras catro veciñas este ano polo Concello de Poio dentro dos actos convocados polo Día da Muller, que se celebrarán mañá no Casal de Ferreirós.

"Xa desde os corenta anos ou así tiven que atender a miña nai, que tiña alzhéimer", comeza. "Despois veu o meu sogro, que quedou encamado, e a miña sogra, que a pobre tivo un derrame. Ademais, unha cuñada miña, que necesitaba coidados, estivo toda a vida na casa comigo", sinala.

"Antes, aos maiores coidábaselles na casa cando se facían moi velliños. Era o normal, non tiña nada de especial. Agora hai esta moda", explica, reflexionando sobre o feito de que se escolla a mulleres que traballaron duro na vida para darlles unha homenaxe. "Esa moda", sen embargo, non a ten nada desgustada, xa que pensa acudir á homenaxe de mañá en familia, e mesmo ir á perruquería para estar ben guapa. "O outro día para unha foto fixéronme porme a rir e saín fatal", quéixase, medio en broma, despois de terse visto nos carteis que imprimiu o Concello e que se poden ver en todos os mupis do municipio.

Gina conta un a un os casos que atendeu e ningún parece cansala, nin sequera o que agora ten entre mans, un dos máis importantes, o do seu home. El estivo sempre no mar ata que lle chegou a prexubilación, "pero pouco despois xa comezou con problemas da vista", di. En cuestión de anos quedou cego e, de novo, ela tivo a alguén que a necesitaba para todo. E nesas segue. A pesar destes reveses que se foron convertendo en ocupacións e fixeron que non lle quedara moito tempo para case nada, Gina explica que ela entende que "sempre se fixo así", e que só agora "parece que hai asilos para cando a xente está moi maior", aínda que esta opción non parece gustarlle demasiado.

"Cal foi o caso máis duro de atender?" preguntámoslle, e ela recoñece que, tal vez, o da nai.

"Eu ía a espertala, a bañala, a pincharlle a insulina, a darlle de comer cando iso lle esqueceu tamén", relata, recollendo nun trazo todos os pasos do traizoeiro alzhéimer. Foron anos así. "Ao acabar de darlle o almorzo, abría o armario a botaba toda a roupa fóra, sobre a cama, porque como ela fora atadora, enredaba coas prendas. Ou as ataba, ou manipulaba, ou as estendía polo fondo da cama... E así ía quedando entretida. Cando viña a noite, abría o armario, e toda a roupa de novo para dentro", revela lembrando aqueles trucos.

"E que lle di ás mulleres que veñen detrás?", inquerimos, para oír como responde: "Que hai que seguir loitando!", aínda que ben parece que non se refire só á cuestión dos dereitos, senón que tamén chama a loitar polos doentes.

Comentarios