Pesca abre a man para as capturas de sardiña

O sector do xeito protestou o martes en Arcade

SOUTOMAIOR. Os barcos galegos poderán adiantar a agosto as capturas das cotas de sardiña do terceiro trimestre. Así o comunicaron onte os representantes da Federación de Confrarías aos patróns maiores de toda Galicia, logo da reunión mantida en Madrid con responsables do Ministerio para abordar, entre outros, este asunto. Barcos con permisos para faenar na sardiña en todas as rías están amarrados, en parte, polo bo ritmo das capturas do segundo trimestre, que enseguida esgotaron a cota establecida, e en parte polos efectos da marea vermella, que segue azoutando ás rías de Pontevedra e Vigo e mantén pechada a actividade do marisqueo. Ante este parón obrigatorio, a presión por poder saír a capturar sardiña fíxose maior, animada por un sector que ve como a principal demanda desta especie prodúcese nos meses de verán e decae nos de inverno.

«Os que teñen permex e non o usaron os anos anteriores non poderán pescar (...) non sei se haberá que seguir coas protestas», afirma Tomé

Para lograr ser escoitados pola Administración, patróns maiores concentráronse nun porto elixido en cada provincia para facer ver o seu descontento. No caso da provincia de Pontevedra, o lugar elixido foi lasede da Federación Provincial Confrarías, en Arcade. A principal petición é que a flota artesanal sexa liberada das restricións relativas á cota, debido ao baixo impacto das súas capturas e á complicada maraña administrativa que supón para as pequenas embarcacións ir adaptando e combinando permisos para as distintas artes coas vedas e os peches por toxina. «En Raxó hai 12 barcos, en Pontevedra, menos, en Portonovo e en Bueu, tamén; en Redondela son 40 os que saen á sardiña», explicou o patrón de Raxó, Iago Tomé. «Se din que imos poder empezar a pescar, a cousa mellora, pero non de todo. Entre outras cousas, os que teñen os permex pero non os usaron os anos anteriores, este ano non poden faenar, porque non lles deixan, e por outra banda falan de reducir as capturas, algo que tampouco se entende», apunta Tomé, que afirma que «nestas condicións non sei se haberá que seguir coas protestas», indicou Tomé.

Comentarios