Piden unha rotonda no cruzamento da PO-308 en Combarro tras un novo accidente

Un dos condutores resultou ferido
undefined
photo_camera O sinistro estivo a piques de afectar á terraza dun local hostaleiro. CEDIDA

Un novo accidente de tráfico na Avenida da Cruz, no núcleo de Combarro, puxo de relevo este xoves a necesidade dunha glorieta na PO-308 á altura deste punto, onde se demandaron con anterioridade medidas de prevención para mellorar a seguridade viaria, tendo en conta do perigo da intersección.

Un dos vehículos afectados estivo a piques de chocar contra a terraza dun establecemento de hostalería situado neste emprazamento a consecuencia da colisión inicial.

O choque tivo lugar á altura do cruzamento da baixada á Praza da Chousa, na que, ao circular desde Pontevedra, as incorporacións cara á zona turística de Combarro realízanse mediante unha semiglorieta lateral que hai no punto, cun sistema de ceda o paso que, no caso de que o condutor calcule mal, de descoido ou de velocidade inapropiada, pode motivar perigosos impactos laterais como o rexistrado.

O Concello solicitou en varias ocasións á Xunta unha rotonda

Dáse a circunstancia de que este é un punto no que o Concello de Poio xa solicitou en varias ocasións á Xunta que se habilitase unha rotonda para garantir a seguridade viaria e facilitar os accesos á estrada e as saídas cara a zona portuaria ou o Centro de Saúde.

A Concellería de Seguridade Cidadá adianta que volverá insistir nesta petición. A súa titular, Marga Caldas, recorda que, nesta mesma estrada, xa se efectuaron actuacións similares noutros concellos, como é no caso da Rúa Progreso de Sanxenxo, cunha situación equiparable á do núcleo de Combarro.

"Non podemos tolerar que a Xunta nos trate como a un concello de segunda. É preciso que se actúe neste punto antes de que ocorra unha desgraza", finalizou a concelleira.

Neste sinistro rexistrouse un ferido de carácter, inicialmente, leve. Trátase do condutor dun dos turismos. Posteriormente, a Policía Local de Poio participou na regulación de tráfico e atestado doutro sinistro, unha colisión por alcance entre dous vehículos á altura do cruzamento de Liñares na que, do mesmo xeito, un dos condutores resultou ferido leve.