Pistoletazo de saída ás sesións de traballo do Proxecto Senda no concello de Poio

Gregorio Agís presidiu a sesión inaugural cos 15 mozos seleccionados entre 40 aspirantes
A sesión inaugural, na Reiboa. DP
photo_camera A sesión inaugural, na Reiboa. DP

Vento en popa a toda vela, o Proxecto Senda que impulsa a Concellería de Promoción Económica poiense abordou este xoves a sesión inaugural da súa IV edición cos 15 mozos seleccionados entre 40 aspirantes, despois dun proceso selectivo que se desenvolveu ao longo da pasada semana en dous grupos, para garantir as medidas sanitarias.

As sesións en grupo, que presidiu o edil de Promoción Económica, Gregorio Agís, xunto á técnica deste departamento municipal, María José Suárez Aspérez, son o piar fundamental desta iniciativa mediante a que o Concello se dirixe ás persoas, preferetemente sen emprego e con iniciativas en mente, para axudarlles a favorecer o emprendemento, o impulso de novas marcas e proxectos persoais, ou, no caso de ter algo xa en marcha, capacitalos no uso de novas tecnoloxías e formación.

Foi a primeira toma de contacto coas 15 persoas que participarán na iniciativa e, a partires de agora, este ciclo ofrecerá sesións de traballo en grupo todos os xoves, entre as 9.00 e as 14.00 horas, ata finais de xullo, que se complementarán con horarios de asesoramento de tipo individual para todas as persoas participantes, a fin de poder ofrecerlles unha atención máis persoalizada.

Agís felicitou aos e ás seleccionadas (cuxa práctica totalidade son veciños e veciñas de Poio) e lembrou que Senda "non é a típica formación regrada, senón que se trata dunha aposta diferente e innovadora, pensada para lograr que as persoas inscritas logren emprender e facer realidade os seus proxectos profesionais, ademais de incidir en cuestións como o uso das novas tecnoloxías". 

O desenvolvemento do programa estase a levar a cabo nas instalacións do Centro de Formación da Reiboa, cumprindo con todas as medidas de aforo e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias.

Ademais destas sesións, o Proxecto Senda tamén ofrece unha oportunidade sobre o terreo para os asistentes: prácticas prelaborais en empresas, nas que os e as inscritas poderán amosar as capacidades e coñecementos adquiridos ao longo do plan.

Comentarios