Poio aborda cunha guía a situación emocional dos cativos na crise sanitaria

Tratase dunha ferramenta interactiva desenvolta no programa Educando e pensada para os alumnos e alumnas de Primaria
Un niño hace los deberes.EP
photo_camera Un neno.EP
 A Concellería de Educación de Poio porá o foco de novo nun dos colectivos máis afectados polo impacto da pandemia: os nenos e nenas cunha guía sobre como xestionar as emocións.

Tal e como lembra o Concello, o confinamento estricto de marzo e todo o proceso posterior, afectaron a alumnos e alumnas de todas as idades sen distinción. Para dar resposta a inquietudes ou a situacións que se puideron xenerar entón, o a programa Educándonos, que xa está plenamente consolidado desde hai ano, adaptouse a este contexto nos últimos meses.

Nese marco naceu o proxecto piloto telemático, ideado por Raquel Pedrouso. Trátase dunha guía interactiva a través da cal se ofrece aos centros educativos unha ferramenta dixital destinada aos alumnos, que contén diferentes exercicios e propostas para estimular a intelixencia emocional das crianzas.

A súa responsable sostén que estes exercicios "poden servir para identificar diferentes sensacións e emocións, como o medo ou a gratitude, á vez que se busca potenciar a expresión emocional dos nenos e nenas".

Esta nova proposta foi presentada a pasada semana a responsables de diferentes centros escolares de Poio, a través dunha reunión telemática na que tamén estivo presente a titular de Educación, Raquel Rodríguez, que destaca que "a primeira impresión resultou moi positiva".

Esta guía interactiva porase a disposición dos colexios e está pensada para o alumnado de Primaria. "Os exercicios adáptanse en función da idade do alumnado. Por exemplo, os máis pequenos e pequenas poderán traballar estas expresións mediante a realización de debuxos e tamén estamos pensando en incluír xogos sobre as propias emocións", engade Raquel Pedrouso.

Pola súa banda, a concelleira de Educación incide na importancia de seguir avanzando na posta en marcha deste tipo de proxectos, pensados para axudar ao tecido escolar a afrontar a vivencia que tiveron e teñen desta situación tan complicada por mor da pandemia.

A principios deste curso o Concello apoiou o proxecto Tan Preto, que inclúe material audiovisual e un libro en cuxa elaboración participou a escritora de Combarro Tamara Andrés, a través do cal os nenos e nenas poden expresar as súas experiencias vividas durante os máis de cen dás do estado de alarma co que debutou a crise sanitaria en 2020. Ademais, no IES leváronse a cabo talleres afectivos para o alumnado de cuarto de ESO e primeiro de Bacharelato, nos que se tivo en conta esta vivencia recente.