Poio abre o prazo para comunicar as fogueiras de San Xoán desde o día 8

Poden solicitarse de modo presencial pola Sede Electrónica. As peticións de grelladas e cacharelas realizaranse ata o día 21
Unha asistente a unha das cacharelas de Poio. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha asistente a unha das cacharelas de Poio. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio informa de que o vindeiro xoves, día 8 de xuño, abrirase o prazo para a comunicación das grelladas para locais de hostalería, así como para cacharelas en espazos privados ou públicos na noite de San Xoán, do 23 ao 24 deste mes. O período permanecerá aberto ata o mércores 21 inclusive. No caso das solicitudes para a festividade de San Pedro, deberán presentarse entre os días 22 e 26 de xuño, ambos incluídos.

As tramitacións deberán realizarse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello, a cal está operativa as 24 horas do día. No seu defecto, tamén será posible facelo mediante instancia presentada de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello.

A Administración municipal autoriza as fogueiras en lugares privados e tamén públicos, se ben haberá que cumprir en todo momento cos requisitos de seguridade pertinentes.

No caso dos areais, na noite de San Xoán permitirase o prendido de cacharelas nas praias de Raxó, a do Laño, Ouriceira, O Padrón, Lourido e Campelo.

En canto aos requisitos a cumprir, lémbrase que a persoa solicitante será a responsable do cumprimento das devanditas normas. Non estará permitido o emprazamento dun asador en zonas públicas e o volume do combustible da fogueira non poderá sobrepasaros oito metros de perímetro e os tres de altura.

Ademais, a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros no caso das grelladas e de 12 no caso das cacharelas. As bases tamén inciden na importancia de que se teña coidado de non situar as fogueiras e as grelladas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nas proximidades non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Ademais, as persoas responsables das cacharelas deberán ter en conta cuestións relacionadas coa meteoroloxía, como a aparición de vento á hora do prendido e o mantemento das grelladas e fogueiras.

Prohíbese, do mesmo xeito, a queima de pneumáticos, plásticos, aceites ou escumas de poliuretano, así como calquera substancia que ao arderdes prenda fume tóxico.

Tampouco se permitirá botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables. Por último, todo deberá quedar recollido antes das 10.00 horas do día posterior ás fogueiras.

As bases para estes permisos foron aprobados na Xunta de Goberno Local do día 30 de maio. Unha vez se abra o período de solicitudes poderase descargar toda a documentación pertinente desde a Sede Electrónica do Concello.

Comentarios