Poio axudará ás mulleres na busca de emprego a través do "Espazo Empoder@"

A iniciativa, que botou a andar da man da Concellería de Igualdade e o CIM, pretende "reducir a fenda dixital" e reforzar o empoderamento
Raquel Morales e Silvia Díaz inauguraron o curso. CEDIDA
photo_camera Raquel Morales e Silvia Díaz inauguraron o curso. CEDIDA

En Poio, a fenda dixital xa non suporá unha traba para a busca de traballo por parte das mulleres desempregadas. A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) botaron a andar o obradoiro Espazo Empoder@, que foi inaugurado este mércores pola edil Silvia Díaz e a directora do CIM, Raquel Morales. Trátase dunha das grandes novidades dentro da programación do departamento municipal no marco do Día Internacional da Muller, e que está dirixida a usuarias do propio CIM e de Servizos Sociais, que se atopan en situación de desemprego.

Tal e como explicou a edil, entre os obxectivos principais que se queren acadar a través desta iniciativa figura "achegar pautas e ferramentas que lle resulten útiles ás alumnas á hora de buscar e atopar emprego, reforzando o seu empoderamento a través das novas tecnoloxías e reducindo a fenda dixital". Neste sentido, Díaz incidiu na importancia deste obradoiro, que se prolongará ata o vindeiro día 25 e que estará impartido por Raquel Pedrouso, e que se desenvolverá no Centro de Formación da Reiboa (San Xoán), en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Durante o acto inaugural, Díaz púxose a disposición das alumnas para "resolver calquera dúbida" e destacou a variedade de contidos que inclúe este curso, que se divide en tres bloques diferentes. No primeiro deles, as clases centraranse en cuestións fundamentais como a realización de trámites administrativos online e a consecución da sinatura dixital, así como explicacións sobre como gardar e compartir arquivos e información de xeito seguro. A realización de videoconferencias e videochamadas será a última parte deste bloque inicial. Posteriormente, as alumnas aprenderán sobre os portais virtuais de referencia no que a busca de emprego se refire. Ademais, impartiranse sesións específicas para a elaboración dunha carta de presentación, a creación dun vídeo motivacional e a posta a punto dun plan persoal para a busca de traballo. O bloque final abordará cuestións como o deseño dun currículum vitae dixital (mediante a utilización de ferramentas como Canva) e a preparación específica de entrevistas presenciais, online, individuais ou en grupo.

MÁIS ACTIVIDADES. A edil lembrou que as actividades continuarán nas vindeiras semanas. A finais de mes cobrará protagonismo o tecido educativo, cando o IES desenvolva o proxecto "Novas masculinidades e empoderamento feminino". Nos centros de Educación Infantil e Primaria está prevista a iniciativa "Precursora, conta comigo", que consiste na realización de sete sesións de contacontos musicados sobre mulleres galegas que "grazas ao seu exemplo e esforzo abriron camiño en diferentes campos a nivel profesional, social ou cultural".

Comentarios