Poio colaborará coa Área Sanitaria para manter os centros de saúde

Ángel Moldes e o xerente da área, José Flores Arias, reuníronse no Hospital Provincial
Un momento do encontro no Hospital Provincial. DP
photo_camera Un momento do encontro no Hospital Provincial. DP

O Concello de Poio e a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés veñen de acordar un convenio de colaboración para o mantemento dos centros de saúde da localidade. O alcalde do municipio, Ángel Moldes, e o xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias, reuníronse nas instalacións do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Durante o encontro estiveron acompañados polo director de recursos económicos da Área Sanitaria, Vicente García Fernández.

No transcurso desta reunión, que dá continuidade á relación entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais en materia sanitaria, o doutor Flores e o rexedor poiense acordaron unha colaboración entre o Executivo galego e o goberno municipal para xestionar e acometer as tarefas de mantemento dos centros de Atención Primaria ubicados na localidade.

Neste senso, lembráronse as recentes intervencións dos arranxos de fachada, así como outras melloras, que foron acometidas recentemente no consultorio médico da parroquia de Raxó. Por outra banda, Moldes e Flores tamén concretaron unha serie de novas melloras que se plantexan nas dependencias do Centro de Saúde de Combarro.

Outro dos puntos a tratar durante a reunión mantida entre o rexedor de Poio e o xerente da Área Sanitaria foi precisamente a construción dun novo centro de saúde no municipio. Este cuarto sumaríase aos outros tres xa existentes: o de Anafáns, Raxó e Combarro. No encontro, así mesmo, quedou patente a vixencia do compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Poio para a futura construción dun novo consultorio nesta localidade.

Segundo se expuso, este contaría cun espazo estimado de 2.289 metros cadrados, o que permitiría incluír novos espazos e servizos non existentes ata agora nas súas infraestruturas sanitarias. O novo centro de saúde de Poio, desta forma, contaría cunha área de Fisioterapia -con consulta e ximnasio- ou unha área de Saúde Bucodental con consultas para as especialidades de Odontoloxía e de hixiene dental. Por outra banda, plantéxase incluír un despacho destinado para a área de Traballo Social.

O incremento da superficie tamén permitirá que o futuro centro de Atención Primaria poiense conte cunha sala polivalente, unha sala de técnicas, unha consulta de docencia e un despacho de coordinación. Por outra banda, habilitaríanse tamén salas de xuntas e de estar para os profesionais.

Máis médicos

 Nunha das últimas reunións entre Moldes e Flores, que se produciu o pasado mes de octubro, Flores asegurara que os tres centros de saúde de Poio -o de Anafáns, Raxó e Combarro- atópanse co cen por cen das prazas cubertas. De feito, o xerente da Área Sanitaria chegou a asegurar que xa se estaban notando as melloras no funcionamento do centro de Atención Primaria, no que anteriormente se produciran problemas pola ausencia de diferentes médicos.

Nesa mesma reunión, Moldes solicitou ao Sergas continuar con esa liña, pero tamén un aumento no número de facultativos que atenden en Poio. Unha petición á que Flores asegurou que se daría resposta unha vez se construíse o novo centro de saúde na localidade.

Comentarios