'Poio Confía' asesorou a máis de 100 empresas locais durante o verán

Arredor de 70 establecementos recibiron o selo propio do programa, que os distingue como espazo seguro ► Tres empresarias poienses destacaron que a experiencia foi "un antes e un despois"
O equipo coordinador de 'Poio Confía', os concelleiros de Turismo e Promoción Económica, xunto a empresarias adscritas ao programa. GONZALO GARCÍA
photo_camera O equipo coordinador de 'Poio Confía', os concelleiros de Turismo e Promoción Económica, xunto a empresarias adscritas ao programa. GONZALO GARCÍA

O programa Poio Confía naceu no municipio o pasado mes de xuño coa vocación de asesorar e apoiar ás empresas locais ante a pandemia da covid-19, en calidade de protocolos e boas prácticas á hora de garantir a seguridade. A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, e o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, destacaron que máis de 100 empresas foron asesoradas dentro do programa, nunha comparecencia que tivo lugar este xoves no Casal de Ferreirós, e na que deron conta da actividade do mesmo.

De entre a intensa pero curta actividade de Poio Confía ao longo destes primeiros meses de vida, tamén houbo que destacar a concesión do selo Poio Confía a arredor de 70 destes establecementos, confirmando así o "compromiso por parte do empresariado á hora de garantir á cidadanía o seu esforzo por cumprir coas medidas decretadas polas autoridades sanitarias". Estes locais, distribuidos ao longo das cinco parroquias poienses, exemplificaron "o compromiso e cooperación dos profesionais" ante a situación de emerxencia sanitaria.

"Dende o momento no que se levantou o estado de alarma e, pouco a pouco, comezou a retomarse a actividade empresarial, tiñamos claro que era preciso achegar ferramentas ao tecido empresarial, así como a negocios e autónomos e autónomas para poder facer fronte á nova normalidade", explicou Silvia Díaz, que amosou a súa satisfacción pola resposta que está a ter o programa. "Houbo un interese moi elevado por parte do sector á hora de participar nesta iniciativa, e se contamos con tantos negocios que son sinónimo de espazos saudables e se conseguiu manter un nivel de actividade aceptable, sobre todo no caso do sector da hostelería, é grazas a eles", asegurou.

O concelleiro de Promoción Económica referiuse ás actuacións que se seguirán a realizar no futuro no municipio, cunha demanda que "continúa sendo grande". Agís afirmou que este mes haberá unha nova charala e adiantou que se atopa traballando no desenvolvemento do selo a nivel dixital para os espazos web e vídeos explicativos, ademais de actualizar a guía de comercios.

EXPERIENCIAS. No acto tamén estivo presente a coordinadora do programa, Mariem Filgueira, e diferentes empresarios adscritos, como é o caso de Marga, do restaurante O eirado das margaridas, que destacou que a clave foi "poder interactuar con otros negocios de la zona y compartir inquietudes, no sentirte solo". Marisé, dende Autoescuela Arias, explicou que o programa foi "un antes y un después en nuestro negocio en materia de seguridad", mentres que Loli, do viveiro Aires da terra asegurou que o programa permitiu ter detrás un soporte ao que acudir, "cun equipo fantástico que che axuda en todo momento".

Comentarios