Poio contabiliza 37 casos activos de violencia machista e súmase ao VioGén

O municipio é o décimo sexto da provincia en adherirse ao programa de protección das vítimas do Ministerio de Interior ►Sete concellos máis inician os trámites para integrarse no sistema
Firma da adhesión de Poio ao programa VioGén. DP
photo_camera Firma da adhesión de Poio ao programa VioGén. DP

O municipio de Poio contabiliza 37 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón case o 2,7% dos casos activos na provincia de Pontevedra, onde se rexistran 1.374 casos, con 1.349 vítimas. Son datos facilitados este martes pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que presidiu a Xunta Local de Seguridade do Concello de Poio e na que se subscribiu o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero.

Tal e como indicou Larriba, este protocolo de colaboración é necesario para formalizar a adhesión do municipio ao Sistema VioGén. O documento foi asinado polo alcalde da localidade, Luciano Sobral, e polo teniente coronel e xefe accidental da Gardia Civil en Pontevedra, Manuel Touceda. No acto tamén participaron a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, así como outros mandos da Garda Civil e responsables da Policía Local. Con esta adhesión, Poio convértese no décimo sexto municipio da provincia en formar parte deste programa de protección de vítimas de violencia de xénero do Ministerio do Interior.

Maica Larriba aproveitou a Xunta Local de Seguridade para agradecer ao alcalde a súa implicación persoal para que "a adhesión do concello de Poio ao Sistema VioGén sexa desde hoxe unha realidade". "As administracións debemos traballar de maneira coordinada para combater a violencia machista e hoxe coa firma deste protocolo ratificamos esta idea e trasladamos non só ás mulleres de Poio, senón de toda a provincia, o noso apoio", dixo a subdelegada.

A firma do protocolo é o primeiro trámite que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen integrarse no Sistema VioGén. O protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade. Larriba destacou a importancia deste documento, que permite establecer un sistema máis áxil de protección. En particular, o protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas.

Doutra banda, Larriba fixo fincapé no "firme compromiso do Goberno de España coa erradicación de calquera forma de violencia machista" e informou que, en concreto, son sete os novos concellos que iniciaron xa as xestións para integrarse neste sistema.

Maica Larriba tamén quixo poñer en relevo que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero distribuíu entre os municipios da provincia no período de 2018 a 2022 case 2,5 millóns de euros para sufragar actuacións en materia de prevención deste tipo de violencias. Esta cifra elévase aos 40 millóns de euros en toda Galicia. "Un exemplo –explicou– do compromiso por apoiar aos concellos nesa labor de acompañamento ás vítimas que levan a cabo".

Para completar a súa adhesión ao Sistema VioGén, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral.

Este sistema ten como finalidade establecer unha rede nacional que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos e dos seus fillos.

Comentarios