Poio contratará a seis socorristas para tres meses para Cabeceira e Xiorto

. O servizo entrará en vigor a principios do mes de xullo
Socorristas en xornada de traballo na praia de Cabeceira. GONZALO GARCÍA
photo_camera Socorristas en xornada de traballo na praia de Cabeceira. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio traballa no proceso para a contratación de seis socorristas, garantindo este servizo básico nas praias de Cabeceira, en Lourido, e en Xiorto, Raxó, durante o verán. Tal e como xa é habitual, a devandita tramitación ábrese a persoas que estean en situación de desemprego que estean incluídos na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, en base á oferta de emprego realizada polo Concello.

As bases xa se poden consultar na Sede Electrónica do Concello. Serán seis as contratacións temporais, cunha duración de 3 meses. O servizo entrará en vigor a principios do mes de xullo tanto en Cabeceira, praia que un ano máis contará con Bandeira Azul, como en Xiorto, un dos areais máis concorridos por bañistas no municipio. As solicitudes tramitaranse por vía telemática, na propia Sede Electrónica.

Os e as aspirantes preseleccionados a través do SEPE deberán presentar a documentación esixida no período sinalado na carta emitida polo propio Servizo Público de Emprego. Esta documentación debe incluír os papeis acreditativos da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. Unha vez expirado este prazo, darase a coñecer a lista de persoas admitidas e excluídas, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica. Haberá dous días hábiles para poder realizar enmendas e reclamacións, antes de que se publique a listaxe definitiva. A partir de aí, procederase coas probas selectivas, mediante o sistema de concurso en quenda libre e cunha fase de concurso para valorar os méritos. Durante o verán de 2022, os e as socorristas contratadas atenderon preto de 700 incidencias ao longo dos tres meses da tempada estival.

Comentarios