Poio deseñará un gran mural exterior en homenaxe ás mulleres do municipio

A peza artística é unha das novidades do programa do 8M, que se tivo que adaptar á pandemia
Díaz presidiu online esta semana o Consello Municipal da Muller. DP
photo_camera Díaz presidiu online esta semana o Consello Municipal da Muller. DP

Un mural exterior, a modo de homenaxe simbólica "a todas as mulleres do noso municipio". Esta será unha das principais novidades que incluirá a programación do 8 de marzo en Poio e que, debido á pandemia, experimentará unha profunda renovación con respecto a edicións anteriores.

A realización desta intervención artística busca "garantir o cumprimento das medidas sanitarias, ao mesmo tempo que destaca a figura das mulleres", especialmente no que se refire a eidos e profesións como as sanitarias, limpadoras, profesoras, caixeiras, dependentas, coidadoras ou axentes dos corpos de seguridade, entre moitas outras. "Queremos reivindicar e dar visibilidade a todos estes labores que, en moitas ocasións, poden pasar desapercibidos, pero que esta crise provocada polo coronavirus puxo de manifesto", explicou a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz.

Precisamente, Díaz presidiu o pasado mércores o Consello Municipal da Muller, onde se perfilou esta programación alternativa. Cada ano, o Día Internacional da Muller conmemorábase en Poio rendendo homenaxe a veciñas das cinco parroquias do municipio, destacando a súa traxectoria vital, social, cultural e profesional. "Por desgraza, ese formato tradicional, con actos e actividades que implican desprazamentos e reunións de persoas non convivintes, a día de hoxe non é viable, polo que decidimos adaptarnos ás circunstancias, con iniciativas seguras e que tamén reivindiquen o papel fundamental das mulleres na sociedade", engadiu a edil.

CENTROS EDUCATIVOS. O que non se modifica con respecto a anos anteriores é o obxectivo de aproveitar esta data tan sinalada para afondar na necesidade de implicar ao tecido educativo no traballo en favor da igualdade de xénero. Deste xeito, tanto nos colexios como no IES de Poio desenvolveranse diferentes actividades e obradoiros. Así, para o alumnado de Educación Infantil e Primaria organizaranse diferentes sesións de contacontos sobre xoguetes non sexistas e prevención de violencia machista.

No caso do instituto, levaranse a cabo unidades didácticas sobre novas masculinidades e educación afectiva-sexual para estudantes de Secundaria.

No que respecta ao parón institucional para a lectura do manifesto, este si se realizará. Terá lugar o propio 8 marzo, a partir das 12.00 horas, diante da Casa do Concello.

Nun contexto tan sensible para o municipio a nivel sanitario, a concelleira de Igualdade incidiu na importancia de "garantir que todas as iniciativas cumpran coas medidas hixiénicas e de distanciamento que marcan as autoridades sanitarias". 

Neste sentido, para levar a cabo da presentación do mural que homenaxeará a todas as mulleres do municipio, habilitarase un espazo moi amplo ao aire libre, que permitirá a organización dun acto no que tomarán parte representantes do Consello Municipal da Muller, do que forman parte, ademais os catro grupos políticos da Corporación, o Centro de Información á Muller (CIM) do municipio, e as asociacións dedicadas ás mulleres que existen no municipio. A programación final destes actos, aínda por concretar, será levada á Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes que se celebrará durante a vindeira semana.

Comentarios