Poio encadea dúas décadas de crecemento poboacional

O Concello alcanzou os 17.082 habitantes en 2019 e pecha a segunda década do milenio acumulando un 17% de incremento
2020011712423978303
photo_camera Nenas na última cabalgata de Reyes, en Poio, onde un terzo dos veciños ten menos de 40 anos. RAFA FARIÑA

A poboación de Poio segue crecendo e sitúase un paso máis preto dos 18.000 habitantes. Así o confirmou este xoves o Goberno que encabeza Luciano Sobral, ao contrastar os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), correspondentes a 2019, que cifran en 17.082 o número de veciños empadroados no municipio, superando os 17.018 de 2018, ano en que se superou por primeira vez a barreira dos 17.000 habitantes.

O padrón municipal conta con 64 novas incorporacións, o que se traduce no segundo maior crecemento dos concellos da a comarca de Pontevedra no ano pasado. A capital de provincia é a única que mellora este aumento, ao incorporar a 227 novos veciños.

No ámbito comarcal, A Lama, con 15 altas, de Campo Lameiro, con 11 e Ponte Caldelas, con tres, son os concellos que seguen gañando veciños. Outros moitos concellos da provincia pontevedresa e tamén da contorna seguen rexistrando crecemento vexetativo negativo. Cerdedo-Cotobade, Bueu ou Marín experimentaron un número de baixas notable (116, 139 e 43, respectivamente). O Goberno local destaca, non só o bienio que consolida a Poio por encima dos 17.000 veciños, senón a dinámica positiva das dúas primeiras décadas do século, rota tan só en 2017, cando se rexistrou unha perda de habitantes, pasando de 16.901 a 16.871.

MÁS DUN TERZO. Con respecto ás parroquias, das cinco poienses, San Salvador segue sendo a máis habitada, con máis de 7.500 veciños empadroados, o que supón máis dun terzo do total deste municipio. San Xoán, que ostenta a capital administrativa, ocupa o segundo posto.

En canto á idade, un terzo dos empadroados, (concretamente, o 28,9%) está formado por veciños de idades comprendidas entre os 15 e os 39 anos.

Enmarcado nas cifras do resto do século, o crecemento de poboación é moi superior á de varios concellos da contorna. O Goberno local recorda que atrás quedan os 14.271 habitantes que se contabilizaron neste municipio en 2001. Desde entón, a poboación creceu en máis dun 17%. Resultaron especialmente positivos anos como o 2008, no que houbo máis de 360 empadroados. Durante a última década, Poio acabou por consolidarse por encima dos 16.000 habitantes, ata superar os 17.000.

Comentarios