Poio impulsa un plan de reactivación municipal pola crise da covid-19

O Concello tamén defendeu a creación de mesas sectoriais para debater e tratar demandas e necesidades específicas de cada un dos sectores afectados
O Pleno ordinario telemático no Concello de Poio. CEDIDA
photo_camera O Pleno ordinario telemático no Concello de Poio. CEDIDA

O Pleno ordinario de Poio abordou este martes o plan de recuperación municipal, que impulsará o Concello co fin de axudar aos sectores máis afectados pola crise derivada pola expansión da covid-19, e que vén a sumarse ás medidas adoptadas desde o inicio de estado de alarma, como a conxelación de taxas ou a instrución para a ampliación do uso do espazo público para a instalación de terrazas, entre outras propostas. 

Dentro deste novo plan, inclúese a constitución dunha mesa na que estean presentes, ademais de representantes de todos os grupos da Corporación, membros dos sectores produtivos e do tecido asociativo, así como dos técnicos municipais das áreas que se requiran, co obxectivo de analizar e canalizar as necesidades dos sectores e da veciñanza e consensuar máis medidas a aplicar.

O Concello asegurou que conta con mecanismos para dotarse de recursos a curto prazo cos que poder elaborar un plan con capacidade de incidencia, que permita axudar aos máis afectados pola crise económica. Iso si, o Goberno municipal lembra que, para iso, é necesario que se anulen ou modifiquen determinadas normas "que limitan a posibilidade de realizar máis gasto e investimentos". 

É por iso polo que o tripartito presentou unha emenda no Pleno ordinario deste martes, celebrado de xeito telemático, a unha moción da oposición, a través da cal se propón a creación dunha mesa de reconstrución económica e social no municipio. BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio coinciden en que esta fórmula precisará de recursos económicos suficientes para que sexa efectiva. 

Por iso, na emenda deseñada polo tripartito avógase por solicitar ao Goberno central a derrogación da Ley Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera, que na actualidade limita e condiciona a capacidade de gasto e de endebedamento das entidades locais. Ademais, tamén se insta á Xunta de Galicia á que elabore un plan de actuación ante a crise, que permita "actuacións consensuadas con outros concellos e coa propia Administración autonómica, fomentando a sinerxía de iniciativas e facilitando o financiamento das mesmas".

O Concello tamén defendeu a creación de mesas sectoriais para debater e tratar demandas e necesidades específicas de cada un dos sectores afectados pola situación actual.

Comentarios