Poio incrementará o crédito contemplado no Orzamento máis de dous millóns

O Partido Popular cargou contra a medida "repentina" pola que o Goberno local "emenda" este documento, pasando de pedir 560.000 euros para diversas actuacións a "case tres millóns de euros"
Os populares Ángel Moldes e Rocío Cochón, este luns en rolda de prensa. DP
photo_camera Os populares Ángel Moldes e Rocío Cochón, este luns en rolda de prensa. DP
"Unha emenda ao seu propio Orzamento", así definiu este luns o Partido Popular de Poio a notificación recibida pola Comisión de Facenda, que este martes aborda un "repentino" incremento da contía do préstamo bancario contemplado no Orzamento municipal para a realización de diferentes actuacións, e que agora pasará de 560.000 euros a un total de 2.720.000 euros, o que supón máis de dous millóns de euros a maiores de préstamo bancario que se engaden ao documento.

Segundo valorou en rolda de prensa o voceiro popular, Ángel Moldes, acompañado da edil Rocío Cochón, a nova contía de préstamo, que "vai a 17 anos, supón unha carencia de dous e unha amortización de 15. O que van facer estes dous anos é pagar intereses pero non teñen que amortizar nada", sinalou Moldes, que incidiu en que "vaise comezar a pagar unha vez que remate este mandato" polo que, valorou, "parécenos pouco responsable comprometer a vindeiras corporacións do Concello a que paguen o que eles van executar".

Neste sentido, criticou Moldes, "o Orzamento de hai dous meses non era real nin moito menos planificado, como nós anunciamos no seu día. Falamos dun documento que de repente transforma esta contía en preto de tres millóns de euros. Ou non existía planificación, ou o tripartito non conta con estar gobernando en dous anos e dalle igual como poida influír en futuras corporacións, ou están intentando encaixar á desesperada tres programas electorais distintos".

O préstamo bancario servirá para cubrir diferentes actuacións entre as que se atopan partidas de 160.000 euros para dotar de servizos á PO-308; 200.000 euros para a creación dun parque, ou 300.000 euros para a reposición de beirarrúas en San Salvador. Son actuacións coas que concordan os populares que, aclararon, "non estamos en contra de moitas das obras que se propoñen para este préstamo, pero si do xeito en que decidiron pagalas, xa que complica a futura planificación neste concello. Non dicimos que vaia caer nunha quebra técnica, pero compromete moito futuros desenvolvementos socioeconómicos. Se nun futuro outra corporación quixera facer unha piscina municipal, un pavillón ou un auditorio, vai ter certos problemas para pedir unha operación de crédito deste tipo", indicou Moldes. O voceiro popular, que avanzou unha inminente proposta por parte do partido antes do vindeiro Pleno con medidas "para financiar estas actuacións sen endebedar aos veciños", aclarou que "o normal sería que moitas destas obras se pagaran á conta do Plan Concellos", como a adquisición dunha carroceta con grúa, por un importe de preto de 300.000 euros.

A proposta dos populares inclúe a opción de levar a cabo "modificacións orzamentarias, posto que se contemplan 400.000 euros para as festas de San Xoán, para as que hai serias dúbidas que se celebren, ao igual que o ano pasado. Moitas destas actuacións poderíanse solucionar con modificacións de crédito, como mercar terreos en Anafáns por 70.000 euros".

Moldes afeou que o Goberno local tome en consideración "os informes de Intervención cando son para subirlles os impostos aos veciños, pero cando din que este préstamo suporá un incremento notable do gasto a partir de 2024, ignóranse". O voceiro popular apremiou tamén a "meter o edificio da Reiboa dentro da ordenación", posto que para el contémplase tamén unha partida de 100.000 euros, e aludiu ao gasto en reposición de servizos "cando temos un contrato da auga que leva catro prórrogas. O que teñen que facer é un novo contrato para conseguir investimento, que solucionaría a situación de zonas como Vilariño ou Fragamoreira. Trátase de xestionar o Concello", manifestou.

Comentarios