Poio lembra que o Ateneo de Combarro só poderá empregarse para fins socioculturais

Descarta desta maneira que as instalacións poidan ser acondicionadas para albergar unha vivenda ou un local hostaleiro
Fachada de la casa del Ateneo Corredoira de Combarro. ALBA SOTELO (ADP)
photo_camera Fachada de la casa del Ateneo Corredoira de Combarro. ALBA SOTELO (ADP)

O Concello de Poio lembrou este xoves que o único uso que se lle pode aplicar ás instalacións do Ateneo Corredoira de Combarro son de carácter expresamente sociocultural, para acoller iniciativas e actividades dentro deste eido. Así o salienta o edil de Patrimonio e Facenda, Xulio Barreiro, que subliña que no Plan Especial de Protección de Combarro, que permanece en vigor desde principios do século XXI, "queda totalmente claro que estas dependencias só poden ser utilizadas para fins de carácter social ou cultural".

Este documento, aprobado no ano 2001, define a utilización de todos os inmobles e equipamentos que forman parte do casco histórico da parroquia poiense. Deste xeito, o Concello descarta que estas instalacións, emprazadas na Rúa Rambla, poidan ser acondicionadas como vivenda ou para desenvolver outro tipo de actividades comerciais ou de hostalería. O Goberno municipal insiste en que esta cuestión debe quedar "totalmente clara", logo de que se producise un cambio de titularidade catastral deste inmoble anexo da Casa do Ateneo. Foi o pasado 4 de xaneiro cando se efectuou esta modificación no Catastro, a través da cal un particular se identifica como suposto propietario destas dependencias, para, posteriormente, poñelas á venda.

Os dirixentes municipais xa iniciaron conversas con servizos xurídicos para analizar a situación.

O Concello lembra que na década dos 70 o Estado iniciou un proceso de expropiación destas instalacións, cuxo edificio principal, situado na Rúa San Roque, pertence á Deputación de Pontevedra.

Todas estas cuestións abordaranse na reunión telemática que o Xulio Barreiro celebrará na tarde deste venres con representantes do tecido asociativo, veciñal e cultural da parroquia de Combarro. O Goberno local é consciente da importancia dunhas instalacións que son un emblema de Poio e que, durante décadas, foron utilizadas para promover a cultura, a través de diferentes iniciativas. "Imos chegar a onde sexa necesario para evitar que isto cambie e para garantir que ese equipamento do Ateneo poida continuar sendo gozado pola veciñanza", conclúe o Goberno municipal.

Comentarios