O concello de Poio lembrará ao Galo Fodorico Agusto no seu Entroido virtual

A Asociación O Ronsel impulsa o concurso Viúvos e Choqueiros, unha variante online do certame que acompaña cada ano ao enterro do Galo
A concelleira Raquel Rodríguez amosa o cartaz desta edición. DP
photo_camera A concelleira Raquel Rodríguez amosa o cartaz desta edición. DP

Tras ofrecer un avance do que será o Entroido alternativo este ano en Poio, a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer este mércores a totalidade da programación que "busca manter vivo o espírito deste festexo", adaptándose á situación sanitaria de xeito virtual, e que contará tamén coas tradicionais figuras do Galo Fodorico Agusto Bastante, viúvos, viúvas e choqueiros.

Máis alá desta fin de semana, na que se publicará un vídeo nas redes sociais no que o chef Pepe Solla amosará a preparación de receitas típicas do Entroido (que se emitirá o venres 12 e o sábado 13), e no que se celebrará Choqueirízate para ensinar os disfraces a través das redes cos hashtags #EntroidoPoio2021 ou #Choqueirizate, ademais da estrea dunha peza audiovisual coa participación de diversos colectivos, a programación conta con novidosas actividades.

Entre os días 15 e 17 (coincidindo coas vacacións do alumnado), o perfil de Poio Cultura en Facebook ofrecerá obradoiros infantís que tamén terán coma protagonista a figura do choqueiro e que servirán para "axudar ás nosas crianzas a coñecer e entender mellor a tradición popular e o arraigo que o Entroido ten no noso municipio". As emisións realizaranse a partir das 10.00 horas. A figura do Galo Fodorico Agusto Bastante, santo e sinal deste festexo en Poio, tamén estará moi presente. Isto será posible grazas á implicación da Asociación Ronsel, que entre os días 22 e 27 impulsa o Concurso Viúvos e Choqueiros. "É unha variante online do certame que habitualmente se celebra cada ano co Enterro do Galo", lembra Rodríguez. Ademais da publicación en redes da tradicional esquela, no perfil oficial do Facebook da asociación poderase participar no concurso Viúvos e Choqueiros, un certame do que a propia Asociación irá publicando información, e no que os mellores disfraces serán agasallados con vales para os negocios de hostalería e do comercio de Poio.

Comentarios