Poio pedirá á Xunta a reactivación do proxecto do viario do Vao

O tripartito 'deu a volta' á moción polo dobre sentido da Barca e converteuna nun texto en defensa do viario incluído no PXOM
El pleno contó con la presencia de vecinos de A Barca. DAVID FREIRE
photo_camera O pleno contou coa presenza de veciños da Barca. DAVID FREIRE

O Pleno da Corporación de Poio acordou dirixirse á Xunta para que desenvolva o viario do Vao. O acordo chegou grazas a que o Goberno Local, composto por BNG, PSdeG e Avante Poio, presentou e aprobou cos seus votos unha emenda que daba a volta á proposta do PP, encamiñada inicialmente a salvagardar o sentido dobre na Avenida da Barca. De centrarse en evitar o sentido único neste viario —que aínda que non está instaurado figura como recomendación nas fichas do Plan de Mobilidade Sustentable—, o texto pasou a repasar as condicións do resto de dotacións previstas no PXOM de Poio para mellorar o tráfico en toda a zona de San Salvador.

"O Plan Xeral de Poio contempla unha conexión alternativa, que permitiría derivar os fluxos de tráfico mediante a construción da conexión denominada Vial do Vao que conecta a estrada de Vilagarcía (PO-531) coa de Campañó (PO-310) e a propia Xunta de Galicia ten recollido no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxico 2010-2015 esta infraestrutura como prioritaria pero polo de agora a Xunta non ten dado ningún paso para dar unha solución os problemas de colapso de tráfico e de seguridade para os peóns que se producen no nodo de Abarca de forma reiterada", reza a emenda, que aposta, en primeiro lugar, por instar á Xunta a executar este viario, así como por solicitar á Consellería de Infraestruturas que mellore as interseccións da PO-308 en Albar e A Seara e, para rematar, reclama un convenio de colaboración para levar a cabo a mellora de beirarrúas e de seguridade peonil na PO-308 á altura de Porteliña, Avenida de Andurique e da Barca.

O xiro non convenceu ao PP, que incluso contaba cunha delegación de veciños da zona para apoiar a súa proposta e que finalmente tivo que rexeitar a súa propia moción alegando que non se estaba respectando o sentido orixinal da mesma.

A outra proposta do PP, sobre a despolitización dos actos institucionais contou co voto en contra de BNG e PSdeG e a abstención de Avante. A súa portavoz, Silvia Díaz, destacou que "podemos estar de acordo en que pidan que todo pase por comisión, pero non nos termos nos que expoñen os motivos da súas mocións, basándose nos insultos e descalificacións ao Goberno. Parecen redactadas para obter o voto en contra", afirmou.

Comentarios