Poio pon en marcha o proceso para que Tambo se declare Espazo Natural Protexido

O Concello investirá 12. 444 euros na redacción do documento co que se presentará a solicitude para dotar a illa da figura de protección
Unha das visitas oficiais a Tambo, durante o pasado verán. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Unha das visitas oficiais a Tambo, durante o pasado verán. BEATRIZ CÍSCAR

Xa está adxudicado o proxecto de redacción da documentación técnica que se presentará para que a Illa de Tambo se convirta en Espazo Natural de Interese Local (ENIL). A empresa El Ejidillo Viveros Integrales será a que realice estes traballos para que o Concello de Poio dea trámite a unha das aspiracións recollidas na súa folla de ruta para a xestión da illa desde que se conseguiu.

A Xunta de Goberno Local procedeu á adxudicación deste servizo, cun orzamento total que ascende a un total de 12.444,85 euros (con IVE) que inclúe a realización de todas as fases de tramitación que sexan necesarias, dando comezo pola recollida de información inicial coa que redactar o dossier, ata dar vida ao documento.

"Estamos a falar dunha xestión que resulta imprescindible para que Tambo sexa recoñecida como ENIL, que é unha figura equivalente a nivel medio ambiental a un plan de usos do espazo", engade o titular de Promoción Económica e Urbanismo.

A xuízo do concelleiro é un avance moi importante de cara a consolidar a protección deste emblemático espazo, aberto de novo á cidadanía, tras varias décadas de uso exclusivo por parte do Ministerio de Defensa. "Desde o primeiro intre tivemos claro que o enorme potencial e valor patrimonial, arquitectónico, cultural e histórico deste enclave debe ser garantido e protexido de cara ao futuro, evitando calquera tipo de especulación urbanística, ao tempo que continuamos ofrecendo á sociedade a posibilidade de visitar e coñecer a illa", apunta.

Desde o inicio das visitas guiadas, a mediados de agosto, foron preto de 5.000 as persoas que se achegaron ata Tambo.

Por outra banda, o responsable de Promoción Económica e Urbanismo tamén mantivo hai uns días no Concello un encontro con responsables da Escola Naval Militar de Marín no que foi a celebración dunha nova convocatoria da Comisión Mixta de Tambo. Deste xeito cúmprese o recollido no prego de condicións da concesión demanial acordada co Ministerio de Defensa, que fixa a convocatoria deste órgano cada seis meses, para analizar os avances que se vaian acadando na consolidación da apertura.

A concesión demanial contempla unha duración de 25 anos, prorrogable, que equivale a "tempo máis ca suficiente para acadar a titularidade municipal e que nos permite avanzar para facer deste lugar un punto de referencia patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico", apunta Agís Gómez. Ademais tamén lembra que no proceso valóranse as propostas achegadas polos colectivos da Comisión de Seguemento de Tambo.

Comentarios