Poio, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén prenden as súas luces de Nadal

O evento poiense, coa intervención do alcalde, difundirase a través das redes sociais do Concello
Imaxe de arquivo de iluminación de Nadal. RAFA FARIÑA
photo_camera Imaxe de arquivo de iluminación de Nadal. RAFA FARIÑA

Os concellos de Poio, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén activan este venres o prendido do alumeado de Nadal que, no caso de Poio, conta con preto de 300 motivos de diferente tipo, repartidos polas cinco parroquias do municipio. A Covid-19 motivou que a Concellería de Cultura, dirixida por Raquel Rodríguez, aposte por unha fórmula diferente á doutros anos para que a veciñanza poida asistir ao acto, nesta ocasión apóstase pola vía telemática para promocionar o prendido de Nadal. Será a través dun vídeo que se colgará nos perfís oficiais das redes sociais do Concello de Poio, así como na súa canle de Youtube, no que, ademais de ofrecer este acto, tamén se incluirá unha intervención do alcalde, Luciano Sobral. A concelleira de Cultura valorou que "na situación na que nos atopamos faise máis necesario ca nunca axudar a manter o espírito destas festas, pensando sobre todo nas crianzas e tratando de axudar a dinamizar a actividade nos sectores castigados pola pandemia". 

Pola súa parte, o acendido de Ponte Caldelas terá lugar ás 19.00 horas, contando, este ano, con máis elementos decorativos que o pasado ano.

Pazos de Borbén farao 15 minutos antes, e contará cunha tirada de fogos artificiais.

Soutomaior e Vilaboa: actividades, Reis Magos e concursos
Soutomaior, que acenderá este sábado o seu alumeado, a partir das 18.15 horas, organiza tamén un espectáculo infantil previo na alameda Talo Rio de Arcade. A iluminación, que este ano pretende potenciar o comercio local, irá acompañada dun calendario de actividades (previa inscrición ata o 18 de decembro) basadas en obradoiros e xogos ata os 18 anos. Ademais, tamén previa cita, os cativos poderán realizar unha videochamada aos Reis Magos. Por outra banda, a asociación de veciños de Figueirido, en colaboración coa Comunidade de Montes e co Concello de Vilaboa, pon en marcha unha nova edición do Concurso de Alumeado de Nadal para particulares e empresas.

Comentarios