Poio programará máis de 100 actividades festivas e culturais ata setembro

Os eventos, que se levarán a cabo coa "máxima seguridade", celebraranse ao longo e ancho das cinco parroquias do municipio
2020072411075249459
photo_camera Os concelleiros durante a presentación da programación. DAVID FREIRE

No verán poiense non haberá tempo morto. O Concello de Poio presentou onte unha ambiciosa programación cultural que se extenderá toda a época estival ata o 20 de setembro, "e, dependendo do clima, poderase alongar un pouco máis", asegurou o concelleiro de Festexos, Xosé Luis Martínez, quen presentou onte Reinicia o verán xunto á concelleira de cultura, Raquel Rodríguez, e a tenente de alcalde e concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas. Martínez adiantou que máis de 100 citas festivas e culturais para todos os públicos completarán o verán poiense, e que aínda queda moito por desvelar, incluido un concerto "estrela".

Con estas citas, entre as que haberá concertos, actividades infantís, música de banda e espectáculos para todos os públicos en toas as parroquias do municipio, tal e como explicou o Concelleiro, o Goberno local pretende "relanzar a cultura do Concello e a galega en xeral. Xa que non puidemos facer a festa de San Xoán como estaba previsto, nin se farán as festas do Mar e da Ameixa, utilizaremos eses recursos para elaborar este programa, que chegará a todos os recunchos do concello".

ACTUACIÓNS. Despois de que a pasada fin de semana se celebraran as actuacións de Oscar Ibáñez e Xabier Díaz, e onte tivera lugar a de Xurxo Souto e Isa Risco en Combarro, a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, avanzou a programación desta fin de semana e da seguinte, que comeza este venres co acto da Entrefa de Bandeiras e a actuación de Uxía Senlle no Día da Matria, ás 20.45 horas no parque Rosalía de Castro. Mañá o centro cultural Xaime Illa acollerá a actuación de Cé Orquesta Pantasma ás 20.30 horas. Durante a mañá, unha charanga animará as rúas. A semana que vén, o calendario está provisto de actuacións coma Migallas, maxia co Mago Paco, jazz en Campelo con Frequency Group, e Escola de Acordeóns de Campelo e máis pasarrúas. Ademais, haberá cine na Reiboa esta fin de semana con O que arde e a seguinte con Hotel Transilvania 3.

Pola súa parte, Marga Caldas destacou que "toda a programación conta con seguridade máxima e control que permitirá asistir aos veciños con garantías".

Comentarios