Poio proxecta humanizar a PO-308 por San Salvador baixo un convenio coa Xunta

O Concello reserva 300.000 euros para a "ansiada reforma" de Andurique, A Barca e Porteliña
A Avenida da Barca, un dos tramos que se reformarán. DP
photo_camera A Avenida da Barca, un dos tramos que se reformarán. DP

A agardada reforma da PO-308 ao seu paso por gran parte do núcleo de San Salvador está máis preto de converterse en realidade. E aínda que, polo momento, non se pode falar de datas para que a humanización deste tramo de vía vexa a luz, si dunha inminente reunión entre o Concello de Poio e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) co anteproxecto baixo o brazo. Trátase, tal e como explicaron os dirixentes municipais, de humanizar o tramo da PO-308 que pasa por Andurique, A Barca e Porteliña, co conseguinte impulso a nivel paisaxístico e de seguridade para unha zona que se sitúa no máis alto do ranking de perigosidade a nivel vial no municipio. E isto, segundo as intencións do Concello, faríase mediante un convenio coa Xunta de Galicia.

Actualmente, o Goberno local está á espera de poder concretar dita reunión coa Consellería de Infraestruturas para poder avanzar no que calificou como "a ansiada reforma" do tramo da PO-308, que é de titularidade autonómica. O Goberno local quixo destacar o seu "máximo interese á hora de intentar dar un pulo a esta actuación", para a que reserva 300.000 euros destinados ao convenio de colaboración co que pretende botar a andar "unha obra moi demandada e necesaria para mellorar a seguridade viaria". 

Esta contía, aclararon dende o Goberno local, procede precisamente do préstamo bancario vencellado ao Orzamento que o Concello ten previsto solicitar para impulsar varias actuacións de mellora de equipamentos e servizos no municipio e que, se ben xa se levou á Comisión de Facenda, resta por aprobar formalmente no vindeiro Pleno. Unha medida que foi amplamente criticada pola oposición do Partido Popular cando se deu a coñecer esta mesma semana, por supoñer unha subida da débeda con respecto ao inicialmente previsto, ata os 2,7 millóns de euros.

Con respecto ao convenio, o Goberno municipal recalcou que, como titular da PO-308 "debe ser a Administración autonómica quen asuma o proxecto", se ben corroborou o seu compromiso de "colaborar activamente e asumir unha parte dos custos" para impulsar unha mellora nun tramo da PO-308 que pode chegar a soportar un tráfico diario superior aos 15.000 vehículos.

Tal e como lembraron dende o Goberno local, no mandato actual xa se produciron conversas entre o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para abordar este tema. Agora, quedan pendentes de manter unha nova reunión para dar traslado do anteproxecto elaborado polo departamento de Urbanismo. Pola súa banda, os técnicos municipais están traballando na elaboración dun estudo no que se inclúen algunhas das medidas que serían necesarias adoptar para garantir unha maior seguridade neste tramo da estrada, que na última década foi protagonista de numerosos accidentes de tráfico, incluídos sinistros nos que se arroiaron peóns, nalgún caso de xeito mortal.

O informe contempla novas beirarrúas, pasos de peóns e melloras nos accesos e as saídas desde viais secundarios

ACTUACIÓN. Segundo o informe que se atopan elaborando os técnicos municipais, a humanización da zona incluiría novas beirarrúas, máis amplas que as actuais, que "presentan un importante estado de deterioro en moitas zonas", e tamén melloras nos accesos e as saídas desde viais secundarios. As avenidas estarán dotadas de novos pasos para peóns e zonas verdes e, no caso de zonas peonís, estarían perfectamente adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Nos últimos anos, o Concello de Poio remitiu á Xunta varios informes elaborados pola Policía Local, nos que tamén se fai fincapé na necesidade de actuar para reforzar a seguridade viaria e acabar cos accidentes de tráfico e atropelos, un aspecto no que tamén redunda o Plan de Mobilidade Urbana impulsado polo Goberno local.

Poio fíxase en Sanxenxo
Con respecto ao convenio coa Xunta de Galicia para humanizar e rehabilitar tramos da PO-308, o Goberno local de Poio lembra que "existen antecedentes" noutros concellos, que serviron para actuar, precisamente, en tramos da PO-308 ao seu paso polos centros urbanos. Neste sentido, o Concello de Poio fixouse no exemplo de Sanxenxo, que reformou a rúa Progreso o pasado ano a nivel de usabilidade e seguridade viaria mediante un convenio coa Xunta de Galicia.

Comentarios