Poio recuperará este verán as festas do Mar e da Ameixa, pero sen degustacións

O Concello quere chegar ao público local e aos visitantes e descarta a parte gastronómica das festas para evitar riscos coa covid
A actuación de Baiuca o 9 de xullo en Ánkar dará por inaugurada a programación de verán en Poio. B.CÍSCAR
photo_camera A actuación de Baiuca o 9 de xullo en Ánkar dará por inaugurada a programación de verán en Poio. B.CÍSCAR

Haberá programación de verán en Poio e aínda que non será idéntica ás que se desenvolvían antes da pandemia, as grandes citas do estío estarán presentes de novo no calendario. A Concellería de Festexos anunciou esta fin de semana que se retomará o Programa de Verán En Poio, que achega varias novidades, manterá o respecto polas normas sanitarias, e terá como especiais referencias a Festa do Mar e a Festa da Ameixa.

Á marxe desas dúas festas, a programación extenderase por gran parte das fins de semana da época estival e dará comezo o vindeiro 9 de xullo para extenderse ata mediados de setembro.

O grupo Baiuca será o encargado de estrear este calendario lúdico, cun concerto que terá lugar no parque de Ánkar, na parroquia de San Salvador e do que se precisarán detalles en vindeiras datas, coa presentación de toda a programación.

A lista de eventos tamén inclúe actuacións doutros artistas galegos como Xoel López, que ofrecerá un concerto en Samieira o 14 de agosto no campo de fútbol Río de Bois.

A necesidade de diversificar os escenarios e ofrecer espazos abertos para evitar aglomeracións fará que os lugares onde se celebren concertos e eventos sexan moito máis variados nesta convocatoria posterior á crise sanitaria.

Xosé Luís Martínez explica que, con todo, seguindo coa liña do ano pasado "manteremos o espírito do Reinicia o Verán de 2020, cando foi preciso adaptarnos á nova realidade derivada da covid-19. Por sorte, agora, grazas ás vacinacións, o impacto do virus é menor, feito que nos permite ser máis ambiciosos á hora de organizar propostas que atraian tanto á veciñanza como á xente que escolle Poio para gozar das súas vacacións". O edil de Festexos recalcou que en todo momento se cumprirá coas medidas de aforo, distanciamento e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias.

SEN DEGUSTACIÓNS. Precisamente, ese será o motivo de que, para garantir a seguridade, tanto a Festa do Mar, en agosto, como a Festa da Ameixa, en setembro, experimenten grandes cambios, xa que, en ambos casos, ofreceranse concertos de artistas e grupos de referencia, pero descártanse as actividades e mostras gastronómicas colectivas.

"A pesar da mellora da situación, aínda non é o momento axeitado para volver á fórmula tradicional no que a eventos gastronómicos se refire. Temos que actuar con responsabilidade e iso pasa por seguir controlando aforo e evitar masificacións", apunta o edil de Festexos.

Unha das grandes novidades do programa será o desenvolvemento da Festa do Mar, que experimentará un cambio de formato importante xa que pasará de ter sé única en Combarro, a compartir eventos con Raxó.

"En 2020, este evento, que xa é un referente en Galicia, tería celebrado o seu vixésimo aniversario, polo que agora queremos ofrecer algo diferente, apostando por estender as actividades, mostras e iniciativas que se fagan máis alá de Combarro", explica o edil de Festexos, que corrobora, asemade, que na Festa da Ameixa de Campelo tamén se realizarán actividades diferentes.

SAN XOÁN. Tampouco en San Xoán haberá faceta gastronómica, pero o Concello lembra que esta xa será unha das primeiras grandes citas do verán, entre o 23 e o 27 de xuño.

A proposta, ao igual que o programa que se pensou para o resto do verán seguen a filosofía de ofrecer actividades seguras, dándolle especial relevancia á música, a poder ser de autores de proximidade, e pensando en dinamizar a cultura e á hostalería. Neste caso, haberá concertos de Susana Seivane, Gustavo Almeida e Lucía Pérez, ademais dun espectáculo a cargo de Nelson Quinteiro e citas para nenos e maiores nos diferentes núcleos e lugares da parroquia central do municipio.

Comentarios