Poio renuncia, por segundo ano, a unha Festa dos Maios tradicional

O Concello estima que hai aínda moito risco de transmisión da covid e propón sacar as decoracións florais aos balcóns e redes sociais
A última Festa dos Maios presencial, en Combarro, en 2019. GONZALO GARCÍA
photo_camera A última Festa dos Maios presencial, en Combarro, en 2019. GONZALO GARCÍA

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, mantivo unha reunión telemática con representantes dos colectivos que habitualmente participan na Festa dos Maios, para informarlles das iniciativas do departamento municipal. Trátase de citas que aspiran a manter viva a tradición e o interese que esta data suscita desde hai moitos anos no municipio, respectando as medidas de seguridade contra a covid-19.

Poio descarta a organización do tradicional concurso dos maios, tal e como fixo en 2020. "A situación sanitaria en Poio mellorou moito, pero iso non pode provocar ningún tipo de relaxación, porque o virus segue aí. Un certame destas características, que esixe a reunión de moitas persoas, ou calquera tipo de evento multitudinario non sería nin aconsellable nin prudente", asevera Rodríguez Alonso. Ademais, tamén quedou descartada a opción dun concurso individual. "Suporía desvirtuar o espírito desta festa, que, precisamente, fomenta valores como o traballo e a xuntanza por grupos, mediante a recollida das flores e a elaboración dos maios", engade.

A resposta a estas limitacións será Maios á rúa, unha campaña a través da cal se animará á veciñanza, a través das redes sociais, a que decoren as fachadas e balcóns das súas vivendas con cadeas e coroas de flores recollidas en familia e persoas convivintes. A maiores, apóstase por expoñer na vía pública imaxes correspondentes a edicións previas do concurso. Estas instantáneas habilitaranse en soportes publicitarios instalados ao longo da PO-308, para que teñan o maior impacto visual posible.

As asociacións Ronsel, Boureante, Armadiña, EI Saíñas, Maio Vilariño e Maio Fontenla, así como Maio Maiolo e Mare Podium participarán na iniciativa , vital para reivindicar un dos fitos culturais más importantes do ano en Poio.

Comentarios