Poio xa supera a cantidade de feridos en accidente acumulada en 2020

A Policía Local súmase ás nova campañas da DXT para controlar os excesos de velocidade ► En anos anteriores acharon zonas nas que un 90% dos condutores superaban os límites
Un accidente ocurrido en Combarro. DP
photo_camera Un accidente ocorrido en Combarro. DP

No que vai de ano, o Concello de Poio superou xa a cantidade de feridos leves en sinistros de tráfico declarados dentro dos tramos urbanos e estradas locais que son competencia do seu Policía. Explicouno onte o departamento de Seguridade Cidadá deste concello, antes de dar os datos de accidentes dos últimos anos e anunciar a adhesión á nova campaña, en cooperación coa Dirección Xeral de Tráfico para o control sobre os excesos de velocidade.

No primeiro semestre de 2021 sumáronse cen accidentes de tráfico nestes tramos, dos que ningún xerou mortes, pero si se rexistraron 41 feridos leves e un grave.

A Policía informa de que a actuación de control de velocidade realizarase entre o luns 12 e o domingo 18 de xullo, e de que isto suporá un incremento da vixilancia, especialmente en vías de máis perigo e incidencia en accidentes con feridos.

A campaña ten como obxecto concienciar aos condutores de calquera tipo de vehículo da importancia dunha condución responsable.

Os controis realizaranse cun radar que a DXT cedeu á Policía Local e con outro radar veo láser cedido pola empresa concesionaria da xestión de multas.

A Policía Local de Poio controlará especialmente aqueles tramos de risco asociado á velocidade, así como aqueles puntos onde a circulación supera o límite establecido e existe un elevado índice de sinistralidade. En canto ás cifras absolutas, cotejando os rexistros desde 2017, a Policía detectou que, aínda que a cifra de accidentes parece ser similar, (cun total que só en 2019 superou os 200 accidentes), a de feridos crece exponencialmente, algo que atribúen a un aumento de velocidade.

Entre outras causas, a Policía sinala que tamén as restricións á circulación entre concellos con motivo dos distintos formatos de peche perimetral abordados durante a fase de control da pandemia puido influír, xa que, xa que, a menor numero de coches circulando, maiores probabilidades de aumentar a velocidade de circulación e maior índice de sinistralidade e, maior número de feridos.

PO-308. Os puntos onde maior incidencia se detectou son a PO-308 en zonas como A Barca, Avenida da Porteliña, San Xoán e Combarro; e a zona de Campelo e a baixada de Pai Avelino, onde se acumulan dous mortos e catro feridos graves nos últimos anos.

Tamén nas zonas de Anafáns e Rúa Esqueiriños detectáronse situacións derivadas do incumprimento das limitacións de velocidade.

Á súa vez, a Policía sinala que as zonas onde rexistraron máis peticións veciñais para control de velocidade, son Avenida dá Cruz, en Combarro; Travesía Seara; Rúa Lameiriña, interior de Campelo, Rúa Illa de Tambo e a EP 0601, sempre por mor de actitudes irrespetuosas coa normativa ou casos de condución temeraria.

Comentarios