A Policía Local de Poio pide colaboración cidadá para localizar un aforador de tráfico roubado

O aparato estaba instalado na EP-0604, ao seu paso por Samieira
El sistema de medición de tráfico instalado en Poio. DP
photo_camera O sistema de medición de tráfico instalado en Poio. POLICÍA LOCAL

Cunha publicación nas súas redes sociais, a Policía Local de Poio lanzou unha mensaxe á cidadanía para tratar de localizar o aparato medidor da intensidade de tráfico que lles foi roubado mentres estaba instalado nunha estrada local.

Sucedeu o pasado luns na EP-0604, ao seu paso Samieira. O aparato estaba instalado no quilómetro 7 da vía e alguén o fixo desaparecer. Os axentes informan o posible responsable de que estes elementos non teñen utilidade na vida privada e tampouco gran valor económico.

Con todo, os aforadores son un utensilio empregado polas entidades locais para realizar tarefas de monitoraxe e control do tráfico encamiñadas a saber a cantidade de vehículos que circulan polos distintas vías, a velocidade e incluso os modelos, de modo que se poden tomar decisións sobre a regulación da velocidade nos tramos, ou outras medidas encamiñadas a garantir a seguridade viaria e dos peóns. 

No caso do subtraído en Poio (o da imaxe) trátase dun aforador modelo ADR Sabre, fabricante PEEK Traffic de cor vermella e negro, segundo informa o comunicado policial. Os axentes piden colaboración cidadá para localizalo ou que quen o ten sen saber realmente cal é a súa utilidade o devolva.