Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

A Policía rescata un home que estaba inconsciente no seu piso de Raxó

Distintos efectivos de urxencias participaron no rescate dun veciño en Raxó. DP
Distintos efectivos de urxencias participaron no rescate dun veciño en Raxó. DP

A rápida intervención dos axentes utilizando un elevador municipal resultou de vital importancia

A rápida intervención da Policía Local de Poio axudou este martes a evitar o fatal desenlace para un veciño de Raxó que foi rescatado en estado de inconsciencia ou semiinconsciencia no interior da súa vivenda, na coñecida costa de Raxó, no tramo de saída da localidade.

Os axentes foron requiridos sobre as 15.30 horas da tarde, tras saberse que o habitante do piso faltaba desde o domingo e non respondía o teléfono. Os axentes que se desprazaron ao lugar realizaron as primeiras pescudas e descubriron que non había posibilidades de abrir o domicilio do desaparecido, un home de mediana idade que vive só, que non respondía o timbre nin ás chamadas.

Ante a sospeita de que se puidese atopar dentro do inmoble, a Policía reclamou a presenza do camión elevador do Concello, que se empregou para poder acceder ao interior do mesmo por unha fiestra. Deste xeito, os axentes evitáronse a espera por un camión de bombeiros cunha escaleira de maiores dimensións, sempre pensando na necesidade de acurtar ao máximo os prazos nunha intervención de urxencia. A idea deu bo resultado, posto que no interior da casa, nunha cama, atopábase o home desaparecido nun estado que requiriu o traslado inmediato dos servizos sanitarios.

A rápida intervención dos axentes utilizando un elevador municipal, resultou de vital importancia.

A Policía rescata un home que estaba inconsciente no seu piso de Raxó
Comentarios