Ponte Caldelas instala arcos desinfectantes nos accesos ao centro urbano

O aparello pulverizará unha solución sobre os vehículos que accedan á vila
96241894_2990444284374080_8222787309930545152_o
photo_camera Un dos arcos, xa instalado

O Concello de Ponte Caldelas instala arcos desinfectantes que pulverizará unha solución sobre os vehículos que accedan ao centro urbano e reforzar a seguridade do municipio fronte ao coronavirus.

O primeiro destes arcos foi colocado na estrada PO-532, o acceso a Ponte Caldelas desde Pontevedra, e pronto se colocará o segundo, na PO-255, pola que se accede desde municipios veciños como A Lama ou Fornelos de Montes.

Os arcos desinfectantes ocupan un carril de circulación e teñen cinco metros de altura para que todos os vehículos, incluídos os camións máis altos, poidan pasar baixo a estrutura e desinfectarse sen ningún problema.

O sistema dispón dunha fotocélula que detecta o vehículo e fai unha pulverización desinfectante, formada por hipoclorito e auga, que non é daniña para as carrocerías.

Ademais, o arco atópase perfectamente sinalizado e conta cunha fotocélula que detecta o vehículo e pulveriza a solución.

Os vehículos deberán pechar os portelos e reducir a velocidade ata os 10 km/h para que sexa efectivo .Estes arcos, destaca o Concello, foron ideados, deseñados e fabricados polos propios operarios municipais.

O alcalde, Andrés Díaz, sinala que "tendo en conta que haberá que convivir coa COVID-19 ata que non haxa unha vacina" esta medida permitirá que Ponte Caldelas "estea o máis protexida posible" ante o virus, reforzando a seguridade de veciños e visitantes. 

Comentarios