Ponte Caldelas pide un tramo dun vial da Reigosa para poder arranxalo

Son 200 metros pertencentes á rede autonómica nos que afloran os baches sen que ninguén poña solución
undefined
photo_camera O tramo da PO-532 solicitado polo Concello. DP

O Concello de Ponte Caldelas pediralle á Consellería de Infraestruturas que se transfira á administración municipal un tramo duns 200 metros correspondente ao vello trazado da estrada autonómica PO-532 ao seu paso pola Reigosa.

O alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro José Manuel Martínez visitaron a vella estrada pertencente á rede secundaria de estradas autonómicas. A día de hoxe o vial dá acceso a varias vivendas e a un local de hostalería e o seu mal estado resulta unha incomodidade para os vehículos que diariamente o empregan. A estrada presenta varias fochancas que se van abrindo no deteriorado firme e a intención é acometer un asfaltado integral que o Concello non pode realizar por tratarse dunha vía autonómica.

O Concello manifestará a súa intención de pavimentar completamente o tramo de escasos 200 metros, que nace na estrada provincial EP-0002 e morre na PO-532, evitando así o trámite polo cal a administración autonómica teña que asumir a reparación antes da transferencia. Unha vez integrada no patrimonio municipal, o Concello asumirá as competencias en materia de xestión, mantemento e disciplina viaria.

Comentarios