De Portonovo ao faro de Tambo: reinventarse na era covid con botellas reutilizables

Andrés Rodiño apostou por un negocio que promociona "a riqueza máis descoñecida da ría de Pontevedra" 
O emprendedor Andrés Rodiño cunha das 'Tambo bottles' no porto de Portonovo. GONZALO GARCÍA
photo_camera O emprendedor Andrés Rodiño cunha das 'Tambo bottles' no porto de Portonovo. GONZALO GARCÍA

"Probar sorte" é a máxima coa que Andrés Rodiño se lanzou a unha nova aventura coa que poder reinventarse tras o estancamento do sector turístico. O emprendedor sanxenxino, que pasou anos formándose en Escocia e volveu a Portonovo para fundar Rooteiros, unha empresa que busca ofrecer experiencias alternativas ao turismo estranxeiro, decidiu non quedar parado e dar vida a outro proxecto que, sen perder a esencia do gusto polo menos coñecido, compón un resultado tan sinxelo como especial: Tambo bottles, as botellas "conscientes" que queren "mudar o mundo".

Así reza o slogan da marca que homenaxea ao faro da illa de Tambo, "un faro especial, que é dos poucos de Europa que aínda teñen a escaleira pola parte de fóra", explica Rodiño. A investigación de mercado que o levou a decatarse polo interese crecente nas botellas reutilizables e a súa fascinación polo turismo do descoñecido foron os ingredientes perfectos para sacar adiante unha idea que pretende levar o nome de Tambo polo mundo. "Tambo é unha illa un pouco esquecida. Sempre falamos de Ons e das Cíes, e esta, que non está dentro do Parque das Illas Atlánticas, merece que a poñamos en valor. Isto servirá para promocionar a riqueza máis descoñecida que temos na ría de Pontevedra", explica. Pero a idea do nome, admite, tívoa a súa parella, Olaya Borrego, que tamén ten a súa propia marca de xoiería sostible (Liab Studio). Neste sentido, esta parella de emprendedores de Portonovo teno claro: en tempos de cambio, o mellor é reinventarse. "Este ano imos ter turismo nacional, planeo facer un freetour en Portonovo, pero non será o de outros anos", explica Rodiño, que pretende combinar a promoción da nova marca coa "escasa actividade" que permita a situación.

VERKAMI. Tambo bottles xa ten páxina web (www.tambobottles.com), e este venres comezou a súa campaña de Verkami para a financiación do proxecto. "Temos que chegar aos 6.000 euros para que saia adiante. Se cubrimos ese obxetivo, o investimento estaría amortizado e poderiamos continuar", explica. Neste sentido, as botellas Tambo de color branco son as primeiras en saír ao mercado pero, unha vez que se cumpra o obxectivo, virán "máis modelos con diferentes cores, e logo gustaríanos sacar máis material diferente, como tazas de café e té en aceiro inoxidable e tamén palliñas de aceiro inoxidable". Sempre en "equilibio co medio ambiente".

Aínda que recoñece que "arrancar un proxecto" nunha situación coma a que se está a vivir nos últimos tempos "é complicado", Rodiño confía no éxito das botellas que levan o faro de Tambo por bandeira. "Xa está a haber bastante demanda, e parece que vai interesando. As nosas expectativas poderían cumprirse", conta, ilusionado cun proxecto no que puxo moito cariño. Neste sentido, aínda que prefire ir "pouco a pouco", de ningún xeito pecha fronteiras. "En principio imos comezar polo público nacional, pero a idea é diversificar e internacionalizar, xa que noutros países poderiamos vender perfectamente".

A apertura da illa de Tambo, cuxo proceso deu algúns pasos cara adiante nos últimos meses, é outra das ilusións de Rodiño que, a pesar da situación que está a vivir o turismo, mira o futuro con ilusión: "O do turismo vai para longo, porque a miña empresa está orientada sobre todo ao estranxeiro, pero nunha situación así hai que diversificar", di.

Comentarios