Portos di que aínda non hai orzamento para arranxar os peiraos de Raxó e Covelo

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivo este luns unha reunión coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, que visitará os lugares
O vial do peirao de Raxó, tras o arranxo dun socavón o pasado mes de abril. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O vial do peirao de Raxó, tras o arranxo dun socavón o pasado mes de abril. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O arranxo dos peiraos de Raxó e Covelo terá que agardar. Esta foi a conclusión da reunión mantida este lunes en Santiago de Compostela polo alcalde de Poio, Luciano Sobral; o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, e a edil de Turismo e Participación Veciñal, Silvia Díaz, coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na que a comitiva do Goberno local poiense quixo trasladar a necesidade de que se faga realidade unha actuación "historicamente demandada pola veciñanza", como é a execución dos proxectos de mellora dos peiraos de Covelo, na parroquia de Samieira, e Raxó.

Durante a reunión, os dirixentes municipais e locais advertiron de que varias das obras que se contemplan nestes proxectos son "moi necesarias e urxentes". Un exemplo ten que ver co vial do peirao de Raxó, que se atopa "nun estado moi deficiente" e que xa tivo que ser reparado en varias ocasións nos últimos anos. O Goberno local lembrou que tanto este espazo como o de Covelo son dúas contornas "moi frecuentadas polos veciños e veciñas de Poio", ademais de recibir a un gran número de turistas durante o verán ou Semana Santa.

A presidenta de Portos de Galicia comprometeuse a buscar fórmulas para retomar o proxecto e estudiar que obras se poderían levar a cabo. En todo caso, tamén advertiu de que na actualidade non existe ningunha partida orzamentaria prevista para a execución integral destes dous proxectos. Susana Lenguas tamén confirmou que visitará os dous peiraos para coñecer de primeira man a súa situación. O Goberno local convocará nos vindeiros días aos membros da Comisión de Seguemento para acordar os pasos a dar tras o encontro.

Comentarios