O PP esixe á Deputación a comarcalización dos Bombeiros

Os populares sinalan que é "fundamental" que os Bombeiros poidan acudir a unha emerxencia se están na mesma parroquia
Parque de Bombeiros en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Parque de Bombeiros en Pontevedra .

O grupo provincial do Partido Popular pediu ao Bipartito PSOE-BNG na Deputación de Pontevedra que poña os fondos necesarios e avance na comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra. O voceiro popular, Jorge Cubela, sinala que os incendios ocorridos nos últimos días en Poio demostran que esta comarcalización é "urxente e necesaria".

"Os tres incendios que ocorreron na parroquia de San Salvador nos últimos catro días evidencian que a comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra é fundamental", sinala. Para Cubela, "é inexplicable que habendo un parque de bombeiros nesta mesma parroquia, a menos de dous minutos de onde ocorreron os feitos, non acudan en caso de emerxencia". Por iso critica que se teñan que desprazar os servizos de emerxencias desde Sanxenxo e Ribadumia, ampliando o tempo de resposta a media hora cando podería terse solucionado en 2 minutos.

A comarcalización tamén influiría aos concellos de A Lama, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade

O deputado di que está na man da Deputación ofrecer unha solución inmediata ao respecto. "Os concellos da comarca queren, a Xunta tamén, e incluso os profesionais". Esta comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra, que o Partido Popular sinala como "fundamental", tamén influiría nos concellos de A Lama, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo-Cotobade.

Cubela insistiu na negociación e na actuación da institución que dirixe Carmela Silva argumentando que "desde o PP levamos anos defendendo a urxencia de comarcalizar o parque, recollendo o clamor que hai nestes concellos a través de mocións e intervencións públicas, pero entendemos que o Goberno PSOE-BNG da Deputación debe actuar xa".

Por último, recordou que a competencia das emerxencias para os concellos de menos de 20 mil habitantes é da Deputación de Pontevedra. Segundo o PP, así o indica a Lei de racionalidade e sostibilidade das administracións locais e a Lei de Emerxencias de Galicia.

Comentarios