O PP esixe ao Goberno local que axilice a reforma do nó de bombeiros

"Só temos unha declaración de intencións, pero nin un só avance", lamentan os 'populares' 
Reunión celebrada por varios representantes do PP. DP
photo_camera Reunión celebrada por varios representantes do PP. DP

O Partido Popular de Pontevedra esixirá ao Goberno central que axilice o proxecto da reforma do nó de bombeiros, "unha zona moi complexa, na que se xuntan dous termos municipais e polo que cada día circulan milleiros de vehículos". 

Nunha reunión entre os deputados nacionais Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, a senadora Pilar Rojo e o voceiro local de Poio, Ángel Moldes, acordaron preguntar e reclamar información e os prazos que o Goberno manexa para esta infraestrutura.

Nesta liña, Pilar Rojo xa rexistrou no Senado unha pregunta na que pide que se explique á cidadanía se xa hai proxecto e se desde o Executivo manexan algún tipo de prazo para licitar a obra. "Descoñecemos absolutamente todo con respecto á remodelación do nó de bombeiros. Só temos unha declaración de intencións, pero a día de hoxe nin un só avance, nin unha soa decisión que nos faga pensar que hai intención real por executala", sinala Rojo.

Tamén no Congreso os deputados presentarán unha proposición non de lei para pedir unha posición clara sobre este proxecto.

"Desde Poio queremos coñecer as razóns polas que aínda non comezaron as obras", apunta Moldes. "Esta infraestrutura debería estar xa en marcha", e recorda que o proxecto inicial contaba cun acceso peonil seguro para acceder ao edificio da Garda Civil, "necesario non só para todas as familias que viven alí, tamén para todas as persoas que teñen que facer xestións alí ou se desprazan a pé entre Poio e Pontevedra por este punto", di o popular poiense.

Por último, o PP sinala que os orzamentos do Goberno de Rajoy xa destinaban unha partida para poñela en marcha. "Isto amosa o engano e a incapacidade de xestión deste Goberno, que está castigando á provincia. Xa son poucos os investimentos que se incluíron nos Orzamentos Xerais do Estado, e as poucas partidas que se contemplaban non se están executando ou levan un atraso importante", conclúen.

Comentarios