O PP de Ponte Caldelas denuncia os apagóns nas instalacións deportivas

As luminarias do Chan da Barcia aguantan moi pouco tempo acesas e isto está a provocar un gran caos
Campo de fútbol do Chan da Barcia, en Ponte Caldelas. DP
photo_camera Campo de fútbol do Chan da Barcia, en Ponte Caldelas. DP

O PP de Ponte Caldelas demandará no vindeiro Pleno que o alcalde, Andrés Díaz, resolva os apagóns que se están producindo de xeito continuo e reiterado no campo de fútbol do Chan da Barcia e que están a provocar un caos organizativo nos adestramentos das escolas deportivas.

As luminarias aguantan moi pouco tempo acesas provocándose un apagón continuo que impide que, de noite e con pouca visibilidade, poidan adestrar os deportistas, engade o equipo de Antón Xil.

No mesmo Pleno, o PP explicará que o Goberno local decidiu prescindir dos servizos da empresa subministradora eléctrica local, "que crea postos de traballo no municipio estables e desde hai moitos anos" e aposta por contratar o servizo cunha empresa multinacional. O PP asocia a chegada da nova empresa a estes apagóns. "Resulta curioso que tomara esa decisión cando acumulaba gran cantidade de facturas pendentes de pago á eléctrica local e tamén resulta casual que cando non había problema algún nin no campo nin na rede de alumeado público, agora que o alcalde decidiu pasarse a unha compañía multinacional".

"Demandaremos no vindeiro Pleno unha solución urxente xa que comezou a Liga, vai cambiar o horario dos partidos e vai ser obrigatorio non so contar cos focos do campo para os adestramentos senón que tamén para os partidos oficiais e iso ten que estar arranxado xa", insiste o PP.

Comentarios